----

O CONSELLO DA CULTURA GALEGA PROMOVE UNHAS XORNADAS SOBRE A EMIGRACIÓN A TRAVÉS DO CINE

Co obxectivo da presentación das Xornadas Cine e Emigración, o Consello da Cultura Galega organiza mañá, venres, 18 de outubro de 2002, ás 12,30h. unha rolda de prensa que se celebrará na sede do Consello da Cultura Galega.

O Secretario Xeral da Consellería de Emigración e Cooperación Exterior, Antonio díaz Otero, o Director Xeral de Comunicación Social e Audiovisual da Consellería de Cultura, Ignacio Otero López, a concelleira de Cultura. Concello de Santiago de Compostela, Teresa García Sabella e a directora do Arquivo da Emigración Galega, Pilar Cagiao, serán os encargados de face-la presentación ós medios de comunicación.


No Teatro Principal
As Xornadas "CINE E EMIGRACIÓN" celebraranse no Teatro Principal, en Santiago de Compostela, do 22 ó 25 de outubro e incluirán a proxección de vinte películas e documentais sobre distintas circunstancias da emigración galega a América. O ciclo incluirá asemade tres mesas redondas, sempre en horario de tarde, no Teatro Principal compostelán. A experiencia será levada máis adiante a outras cidades galegas.

O Consello da Cultura Galega, a través do seu Arquivo da Emigración, organizou este ciclo, previa sinatura dun convenio de colaboración coa Consellería de Emigración e Cooperación Exterior.
A iniciativa pretende un achegamento a un aspecto central da historia contemporánea de Galicia e, ó tempo, unha sensibilización cos problemas e as dificultades que os emigrantes galegos están a afrontar en Sudamérica.