O CONSELLO DA CULTURA GALEGA DA A COÑECER A OBRA DE ABEL BOUHIER SOBRE O RURAL GALEGO

Con motivo da presentación do Congreso Internacional "Galicia dende La Galice. Homenaxe a Abel Bouhier", que tivo lugar esta mañá no Salón de Actos do Consello da Cultura Galega, o presidente da institución, Carlos Casares, manifestou que era "de xustiza" a publicación desta obra de referencia do xeógrafo francés, un proxecto que estivo en mente do primeiro presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Piñeiro. Segundo Casares, motivacións económicas impediron a edición deste libro antes pero, "gracias á colaboración da Consellería de Cultura e o Departamento de Xeografía da Universidade de Santiago", se publicou unha edición cuasi facsimilar de La Galice. Essai géographique d’analyse et d’interprétation d’un vieux complexe agraire.

Neste sentido, o Director Xeral de Producción Agropecuaria, Secundino Grobas, resaltou que a edición desta obra será incluída dentro da colección da Consellería, Clásicos Agrarios, con unha forma de achega-la obra de Bouhier, moi próxima ó noso mundo agrícola, gracias á traducción que se fixo deste obra ó galego.

Na presentación do Congreso, no que participaron 65 persoas, tamén estiveron presentes o rector da Universidade de Santiago, Darío Villanueva, quen fixo á salutación ós profesores franceses que participarán nas xornadas, o profesor de xeografía da Facultade de Historia, da USC, Augusto Pérez Alberti, e un dos coordinadores do Congreso Internacional, Francisco Díaz-Fierros, quen fixo a homenaxe a Bouhier extensible a tódolos xeógrafos franceses "que contribuiron a mellora-lo coñecemento do noso país".

Visión humana
Na primeira xornada do Congreso, dedicada á Obra e Impacto de Abel Bouhier, o catedrático xubilado de Edafoloxía da Universidade de Santiago, Francisco Guitián Ojea, fixo un retrato de Bouhier como persoa. Guitián Ojea mantivo unha gran relación con este xeógrafo francés, primeiro epistolar e logo persoal, que lle levou a coñecer á súa familia. "Era un home que sabía escoitar e que acabou manexando bastante ben o galego, o que lle permitía establecer rápidamente relación cos paisanos", asegurou Ojea. Este aspecto da personalidade de Bouhier tamén foi resaltado polo catedrático xubilado de Xeografía Física da Universidade de Valladolid, Jesús García Fernández, quen destacou "o seu forte carácter" e a súa obsesesión pola Tese de Doutoramento, "pola extensión e complexidade do tema tratado".

Aportacións de La Galice
Durante a súa intervención, García Fernández encadrou La Galice dentro dos estudios franceses sobre xeografía rexional e resaltou o "monumental" traballo de revisión de fontes, documentación e elaboración de enquisas, "esforzos que requeriron 17 anos da súa vida".

O catedrático García Fernández dedicou boa parte da súa intervención a facer unha reflexión crítica das aportacións de La Galice, namentres que o profesor da Universidade de Santiago, José Manuel López Andión, centrouse no estudio que Bouhier fixo dos usos e da propiedade do monte en Galicia. Partindo destas premisas, López Andión fixo un repaso pola evolución contemporánea do monte galego "desde a crise dos usos tradicionais da que fala Bouhier ata os últimos anos". A excesiva repoboación dos montes galegos así como o abandono dos cultivos e a necesidade de diversifica-los usos das terras en mancomún, foron os principais puntos que abordou López Andión durante a súa intervención, baixo o título O monte en Galicia 81940-1995): de "soporte fundamental" do sistema agrario á desconexión do espacio cultivado.