NOTICIA

----

O CONSELLO DA CULTURA GALEGA PRESENTA O CONGRESO INTERNACIONAL "O EXILIO GALEGO"

Co galo do setenta e cinco aniversario do comezo do exilio galego do 36, o Consello da Cultura Galega reúne en Santiago de Compostela a estudiosos e especialistas de dous continentes para lembrar a aqueles que fuxiron tralo comezo da Guerra Civil en 1936. Segundo os organizadores: "ó se cumprir o sesenta e cinco aniversario do comezo do exilio galego de 1936, o Consello da Cultura Galega coida chegada a ocasión de lembrar axeitadamente os que se foron, de estudiar a súa historia e de recuperar a súa memoria". A inauguración realizarase o luns 24 ás 10:00 h. no Salón de Actos do Consello da Cultura Galega. O congreso está coordinado por Pilar Cagiao Vila (Coordinadora Xeral) e Henrique Monteagudo (Secretario) entre outros.

O Congreso analizará a política, a literatura, o xornalismo e a comunicación audiovisual, as artes plásticas e a arquitectura, a música, o ensino, a figura de Castelao como referente indispensable, e os diferentes destinos dos exiliados. No Congreso participarán destacadas figuras do pensamento, da investigación histórica e protagonistas dun dos momentos máis decisivos da historia da Galicia do século XX.

Entre eles, Ramón Villares, Xosé Ramón Barreiro, Dionisio Pereira, Enrique Líster, Xesús Alonso Montero, Víctor F. Freixanes, Francisco Fernández del Riego, Antón Patiño, Xosé María Paz Gago, Isaac Díaz Pardo ou Kathleen March.

O sábado 29, o auditorio de O Castro, en Sada, será a sede dun acto de homenaxe ós exiliados e presentarase o Repertorio Biobibliográfico do exilio galego, un proxecto do Arquivo da Emigración Galega que recolle 2141 rexistros de homes e mulleres que participaron no éxodo galego do 36. O Repertorio estará dispoñible para libre descarga a partir do venres na web do Consello da Cultura Galega (http://www.consellodacultura.org).