NOTICIA

----

VÍCTOR OMGBÁ: "OS INMIGRANTES AGORA BUSCAN OS MESMO QUE OS GALEGOS QUE EMIGRARON HAI 50 ANOS"

A mesa redonda coa que quedou pechada a xornada "A inmigración: un novo reto", organizada polo Arquivo da Emigración Galega ó longo de toda a xornada de hoxe, estivo centrada nas experiencias persoais dos inmigrantes, que coincidiron en sinalar que o choque cunha nova cultura e unha nova lingua fixera a súa integración difícil. Procedentes de Arxentina, Venezuela, Ghana ou Camerún, os participantes na mesa redonda, que estivo moderada polo historiador e membro do Arquivo da Emigración Galega, Xosé Manuel Núñez Seixas, expuxeron os diferentes motivos que os impulsaron a vir a España e os problemas polos que tiveron que pasar.

O escritor camerunés e residente actual na Coruña, Víctor Omgbá, que ten publicado un relato autobiográfico sobre os problemas ós que se teñen que enfrontar ós inmigrantes titulado Calella sen saída, afirmou que "os inmigrantes de agora buscan o mesmo que buscaban os galegos hai 40 ou 50 anos, o pan sen bágoas". Apoiándose en diversas citas de Celso Emilio Ferreiro, Vícto Omgbá quixo facer fincapé en que a xente non migra "por gusto" e instou á sociedade galega a volver a vista á súa propia historia para entender os motivos polos que xentes doutros países están a chegar a Galicia, aínda que se lamentou de que "a memoria histórica dos pobos soe ser bastante curta, pechando rapidamente aqueles episodios máis escuros".

Integración real
Durante a súa intervención, Omgbá sinalou que o Goberno "só se preocupa dos papeis e non da integración real das persoas", insistindo en que se trata de seres humanos "con dereitos fundamentais". En este sentido, denunciou a visión que se da do fenómeno da inmigración como un "problema, algo conflictivo", cando a poboación estranxeira é unha fonte de producción para un país, cos seus aspectos positivos e negativos.

O autor de "Calella sen saída" rematou a súa ponencia propoñendo unha reorientación da política de inmigración, propoñendo políticas eficaces de desenvolvemento cos países de orixe destes colectivos e facilitando programas de acollida que faciliten a integración, que non a "asimilación, que é propia da colonización", rematou Omgbá.

Xunto a Omgbá, no coloquio participaron outros inmigrantes, desde unha persoa nacidas en Arxentina e que chegara a España "por amor", ata outros que buscaban unha vida mellor en España pero que atoparon moitísimos problemas para regularizar a súa situación. A súa situación irregular fixo que, persoas cun alto grao de formación, como era o caso dunha concertista de piano ou dunha licenciada en Informática, tiveran que verse na obriga de coller traballos moi por debaixo das súas posibilidades. Todos eles coincidiron en asegurar que a situación en España dos inmigrantes tiña que mellorar e pediron comprensión, xa que detrás dun acento estraño moitas veces hai historias moi duras.