NOTICIA

----

UN CD-ROM PUBLICADO POLO CONSELLO RECOLLE DATOS E BIBLIOGRAFÍA SOBRE 114 ESCULTORES GALEGOS DO S.XX

Encher o baleiro e a dispersión existente no campo da escultura galega no século XX a través do uso das novas tecnoloxías. Con este obxectivo nace o Índice documental de escultores galegos do século XX, unha publicación en formato de CD-Rom que mañá será presentado no Consello da Cultura Galega nun acto promovido pola Sección de Artes Plásticas, responsable da súa edición.

A rolda de prensa terá lugar ás 11,30h. e contará coa presencia do presidente do CCG, Alfonso Zulueta, o coordinador da Sección de Artes Plásticas, Iago Seara e a directora do proxecto, María Luísa Sobrino.

Este Índice documental de escultores galegos do século XX reúne a un total de 114 artistas dos que se conseguiu reunir unha grande cantidade de documentación de referencia como poden ser datos sobre a súa vida, formación e obra. Pero esta publicación vai máis aló e, ademais desta información sobre os artistas, ofrece unha sistemática recompilación de bibliografía sobre esta temática. O obxectivo final é que a publicación poida ser útil e accesible tanto ós que xa son especialistas na materia como a aqueles que se acheguen a escultura galega por vez primeira.

Pero o esforzo da Sección de Artes Plásticas non remata con esta publicación xa que o Índice pretende se-la primeira parte dunha colección de CD-ROMs de documentación referida á arte contemporánea.

A partir de mañá, este CD- ROM poderase descargar tanto desde a web oficial do Consello da Cultura Galega, www.consellodacultura.org e desde o portal, www.culturagalega.org