----

MONTEAGUDO PROPÓN A CREACIÓN DUN ORGANISMO DE POLÍTICA LINGÜÍSTICA QUE IMPLIQUE A TÓDOLOS ACTORES SOCIAIS

Os V Encontros para a Normalización Lingüística inauguráronse hoxe co relatorio de Henrique Monteagudo, co-director, con Xan Bouzada, do Informe de Política Lingüística e Normalización. Este proxecto, que comezou a finais de 1998 subvencionado pola Comisión Europea, é un estudio analítico da situación da lingua no ámbito da política, a administracións públicas e o ensino. Ademais, tamén se analiza o campo da planificación e difusión da lingua e oa área empresarial e comercial.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

A glotopolítica, que engloba tódalas normas xurídicas relacionados co galego, é un dos aspectos que analiza o IPLN. Desta área Monteagudo fixo fincapé nos orzamentos da Dirección Xeral de Política Lingüística destinados á normalización. Desde 1993, arredor de 3000 millóns de pesetas se destinan á promoción do galego, dos que 500 se destinan á TVG (a sexta parte da subvención), o 10% ós medios de comunicación, outro 10% ó Centro de Estudios Ramón Piñeiro e outras partidas á formación e capacitación en galego de profesores e funcionarios non docentes das administracións públicas.

Desta maneira, o IPLN propón deseñar novas medidas para unha normalización efectiva dos medios de comunicación, e un incremento das axudas económicas a outras institucións coma a RAG ou o ILG, proporcional ó seu volume de producción editorial e de organización de actividades relacionadas co idioma. No seu relatorio, Monteagudo mencionou a proposta dun "Consello Social da Lingua Galega", no que teñan cabida tódolos sectores sociais implicados na elaboración da política lingüística.


Prexuízos lingüísticos
No sector educativo, o Informe sinala o uso da lingua en 201 centros de ensino primario e infantil da comunidade. Esta área, coordinada por Xan Bouzada e Anxo Lorenzo, mostra os resultados cruzados das enquisas realizadas por unha banda ó equipo directivo, por outra ós equipos de normalización lingüística e, en terceiro lugar, coa información de "fichas observacionais" sobre a lingua vehicular entre mestres e entre alumnos. Bouzada apuntou que os alumnos de centros privados falan só castelán en maior medida cós de centros públicos (77% fronte a 33%), debido a que nos privados "se matriculan persoas de clase media nos que os prexuízos sobre a lingua son maiores cós dos alumnos de centros públicos", tamén de clase media pero que deciden falar galego coma "un acto de vontade propia e de libertade" e non porque non dominan outra lingua.

Entre o profesorado, os datos son similares ós que se rexistran entre os alumnos, segundo Bouzada, de xeito que nos colexios públicos empregan só o galego o 18% dos profesores, fronte o ó 4% dos docentes en centros privados. A explicación destes datos radica en que moitas veces o mestre opta polo castelán alegando que, ou ben é a lingua materna do alumno, ou ben é preciso ensinarlla se os rapaces xa falan galego.

O material didáctico para a difusión da lingua centrou a mesa redonda da tarde. Bieto Silva insistiu nos case 1000 títulos publicados desde a década dos 80. Aínda que a maior porcentaxe son os libros de texto e manuais para Educación Primaria e a EXB, Silva destacou a publicación de materiais destinado ó ensino non regrado -a educación de adultos- que no período sinalado supón o 12% das publicacións. Ademais deste incremento da producción, é destacable tamén a variación de formatos, e aínda que o papel segue a ser o máis difundido, vai cobrando importancia as gravacións en audio ou video e o soporte informático. Outro aspecto a destacar destes materiais é a súa orientación, que se ben nos 80 pretendían afondar nos coñecementos teóricos e gramáticos da lingua , hoxendía invitan ó alumno a un uso máis práctico que permita "avanzar na normalización social do idioma".

Ensino non regrado
Este dominio do galego dunha maneira máis pragmática foi o labor de diversas asociacións e colectivos que desde mediados dos 60 promoveron o denominado "ensino non regrado da lingua". Segundo indicou Rosario Pérez, estas iniciativas case particulares marcaron a pauta a seguir xa na década dos 90 polos organismoso oficiais, entre eles a propia Dirección Xeral de Política Lingüística. Cursos de galego publicados en xornais como La Voz de Galicia, da man dos colectivos O Galo ou o Facho serviron de prólogo ó programa da TVG "Imos aló?", que tamén recolleu as experiencias das revistas O Cartafol, da USC, ou Lingua Viva, publicación do SNL do Concello de Vigo.

Rosario Pérez denunciou a falla dun organismo que regule tódolas iniciativas de ensino non regrado, así como a escaseza dos productos didácticos dirixidos a este tipo de ensino e a súa excesiva orientación á gramática.

A mesa redonda rematou co relatorio de Ernesto González, quen numerou as características dos novos diccionarios como reflexo da evolución da actitude dos falantes. Entre estes cambios, cabe citar a incorporación de cultismos e tecnicismos fronte ós termos literarios, o predominio dos diccionarios só monolingües e unha liña especial de manuais destinados ós escolares.

A primeira xornada dos Encontros rematou con dúas reflexións sobre a lingua na administración, a cargo do xurista Xesús Costas e do membro da empresa Cidadanía, Xaime Subiela. Ambos reflexionaron sobre a evolución do proceso normalización desde o propio aparello institucional durante os últimos 17 anos.