----

NACE O ANUARIO GALEGO DE ESTUDIOS TEATRAIS, NOVA PUBLICACIÓN SOBRE AS ARTES ESCÉNICAS

Estudios e investigacións de reputados especialistas das artes escénicas do ámbito nacional e internacional e cuantiosos artigos, notas e recensións conforman un volume de 250 páxinas que constitúe o primeiro número do Anuario Galego de Estudios Teatrais 2001, unha publicación que será presentada oficialmente mañá, martes 26 de marzo, ás 12 h. nun acto que acollerá o Consello da Cultura Galega.

Coa posta en marcha desta nova publicación preténdese potenciar a desenvolver a capacidade de discusión que existe no ámbito teatral, tentando con esta nova aportación, completar o panorama das nosas artes escénicas, caracterizadas por atoparse nun proceso de configuración e asentamento. Un proceso que esixe, como ven a manifestar os Estudios Teatrais, a necesidade de establecer un centro oficial onde o teatro galego poida xerar os seus propios creadores, intérpretes, directores, guionistas ou escenógrafos. Do mesmo xeito, esta publicación ven tamén a reclamar a necesidade de crear a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia como o piar básico para a investigación teatral, unha investigación que precisa de espacios para a súa divulgación que é o que pretende ser, en definitiva, este Anuario que pretende convocar ó seu redor a aqueles que se dedican á investigación teatral en Galicia.


Día Internacional do Teatro
A data escollida para a presentación deste volume de Estudios Teatrais non é casual. Non en vano, o mércores 27 é o Día Internacional do Teatro, unha data idónea para recoller os avances acadados polas artes escénicas no noso país ó longo do pasado ano 2001. O traballo estivo a cargo dun dos membros da comisión técnica de Artes Escénicas do Consello da Cultura Galega, Manuel F. Vieites, quen contou cunha grande cantidade de colaboradores, como Dolores Vilavedra, Damián Villalaín, Héctor Pose ou Francisco J. Sanjiao Otero, entre outros.

Do mesmo xeito, cabe destacar que a publicación que mañá se presenta é o resultado dunha colaboración a un moi amplo nivel, posto que estiveron implicados investigadores de universidades de Madrid, Porto, Zaragoza, Valencia, Barcelona, Canadá, Reino Unido ou Nova Iork.