----

MÁIS DE TRINTA ESCRITORES GALEGOS CONTEMPORÁNEOS, REUNIDOS NUN LIBRO DO CONSELLO DA CULTURA GALEGA

Con motivo da presentación oficial do libro Poetas e Narradores nas súas voces, o Consello da Cultura Galega organiza un acto que terá lugar mañá, venres 8 de xuño, ás 12,00h. no Salón de Actos do Consello da Cultura Galega. O acto contará coa participación de oito dos escritores que participaron nesta publicación do Arquivo Sonoro de Galicia, que serán presentados polo presidente do Consello da Cultura Galega, Carlos Casares. Do mesmo xeito, o acto aproveitarase para facer público o nomeamento do novo responsable do Arquivo Sonoro de Galicia, Paulino Novo Folgueira.

Salvador García Bodaño, Luis González Tosar, Luz Pozo Garza, Xulio L. Valcárcel, Xavier Alcalá, Marina Mayoral, María Xosé Queizán e Suso de Toro, acompañados polo presidente do Consello da Cultura Galega, Carlos Casares, quen tamén participa nesta publicación, serán os persoeiros das letras galegas que participarán na presentación desta nova publicación do Arquivo Sonoro de Galicia.

Trátase dun libro-CD que contén as narracións e poesías de 31 narradores e poetas contemporáneos de Galicia. O libro contén os relatos mentres que os dous CDs recollen as voces destes escritores recitando os seus textos.

Novo responsable
Ademais desta publicación, o Consello da Cultura Galega quere aproveitar a ocasión para presentar á persoa que se fará responsable do Arquivo Sonoro de Galicia, o lingüista Paulino Novo, que substitúe a Alfonso Vázquez-Monxardín, ocupando o cargo de secretario deste arquivo.

Ó acto tamén asistirá o director do Arquivo Sonoro de Galicia e vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Castromil, así como Alfonso Zulueta de Haz, tamén vicepresidente, e o secretario, Xosé Henrique Monteagudo Romero.