----

A MÚSICA FOLCLÓRICA GALEGA DOS 50 RECOLLIDA NA COLECCIÓN ALAN LOMAX CENTRA UN RELATORIO DO CCG

O Arquivo Sonoro de Galicia desenvolverá mañá, mércores 19 de marzo, ás 19 horas un relatorio que ofrecerá a oportunidade de coñecer a metodoloxía e a recompilación de cancións folclóricas que acabaron constituíndo a Colección Alan Lomax. O acto, que se desenvolverá no Salón de Actos do Consello da Cultura Galega, contará coa participación da musicóloga canadiana Judith Cohen e o antropólogo Luís Costa Vázquez-Mariño.

A través deste relatorio os asistentes poderán coñecer mellor a figura do investigador norteamericano Alan Lomax (1915- 2002). O seu traballo comezou con gravacións na América rural, que o levou a recoller as lendas do folk americano e o blues. A partir destes estudios, Lomax propuxo unha serie de criterios (precisión dos enunciados, grao de repetición, rexistro vocal, etc) que o levaron a establecer unha correlación entre o tipo de canción e a complexidade da cultura á que pertence, conclusións que foron duramente criticas.

O seu interese pola etnomusicoloxía levou a Lomax polo Caribe e Europa (Inglaterra, Italia, Irlanda e España). A comezos dos anos cincuenta percorreu Aragón, Asturias, Andalucía, León, O País Vasco e Galicia, a onde chegou no inverno de 1952. Durante o seu periplo recolleu a variedade musical de distintas zonas ( A Coruña, Corcubión, A Cañiza, Ourense,...) e interesouse tamén polos instrumentos tradicionais. Sen embargo, desta recolleita a penas se editaran seis pezas no disco dedicado a España polo que a maior parte destes traballos permaneceron inéditos ata o ano pasado, momento en que, coa mediación de Judith Cohen, conseguiuse a edición e distribución, a cargo de "Karonte", de trinta pezas galegas que permanecían arquivadas na colección de Lomax e que recollen desde coplas ata os sons do gremio dos canteiros ou dos afiadores.