UNHA MOSTRA DO CONSELLO DA CULTURA GALEGA CONMEMORA A CHEGADA DA LUZ A ESPAÑA

Baixo o significativo nome de "A noite está varrida da terra", o Consello da Cultura Galega, a través da Sección de Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade, organiza unha mostra, en colaboración con Unión Fenosa e a Universidade de Santiago, na que se conmemora o 150 aniversario do acendido do arco voltaico en Santiago, feito que acontecía por vez primeira en España, no patio da Facultade de Ciencias, no Colexio de Fonseca, no ano 1851.

A exposición, que acolle a Igrexa da Universidade ata xuño deste ano, será inaugurada mañá, martes día 17 de abril, ás 13, 00 h. e contará coa presencia do presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga, e o presidente do Consello da Cultura Galega, Carlos Casares. Tamén está prevista a presencia do conselleiros de Cultura, Xesús Pérez Varela, e de Industria, Juan Rodríguez Yuste.

O século da electricidade
A exposición amosa numerosas pezas procedentes das investigacións dos Gabinetes Científicos da Universidade de Santiago, ademais de diversos centros de ensino secundario, máquinas e instrumentos que permiten comprender a historia da electricidade ó longo do século XIX.

Con esta mostra preténdese recoller os esforzos experimentais que instituotos, seminarios, colexios privados e a propia Universidade de Santiago fixeron neste século, amosando parte do espléndido patrimonio científico, 331 pezas inventariadas no campo da electricidade, que aínda se conservan.

Material didáctico
A mostra quere chamar a atención sobre científicos como Antonio Casares, creador dos Gabinetes Científicos da USC, escritor de libros orientados á industria, así como investigador en numerosos campos da ciencia, especialmente a química e a física.

A exposición pretende ser un punto de referencia para os profesores de ciencias do ensino secundario e, neste sentido, porase a disposición dos visitantes material didáctico específico para alumnos de ESO e Bacharelato, ademais de ofrecer a posibilidade de que os estudiantes poidan manipular réplicas dalgúns dos aparellos empregados nos experimentos, a través dun obradoiro de electricidade.