----

O SEMINARIO SOBRE O ‘PRESTIGE’ ABRIUSE HOXE CO OBXETIVO DE COÑECER “COA MAIOR EXACTITUDE” OS EFECTOS DO FUEL

Baixo a premisa de coñecer "coa maior exactitude posible" os danos que o fuel do ‘Prestige’ está a ocasionar na costa galega, esta mañá o Consello da Cultura Galega abriu a primeira sesión do Seminario Científico Internacional "Efectos económicos, sociais e ambientais da marea negra do Prestige", que reúne en Santiago ata mañá a máis dunha ducia de expertos na materia.

O conselleiro de Medio Ambiente, Xosé Manuel Barreiro Fernández, xunto co presidente e vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Alfonso Zulueta e Francisco Díaz-Fierros, e o presidente de AERNA, Pablo Campos, foron os encargados da apertura do seminario. Barreiro Fernández asegurou que a sensibilización da cidadanía ante a catástrofe obriga ás Administracións a artellar os plans máis axeitados para recuperar as zonas afectadas. Neste sentido, o conselleiro fixo referencia ao Plan Galicia, aprobado polo Consello de Ministros para a dinamización das poboacións afectadas, e ao Plan de Dinamización Económica aprobado pola Xunta de Galicia, "instrumentos que servirán para paliar as consecuencias do desastre". No mesmo sentido, Barreiro Fernández asegurou que o seu departamento está a traballar nun documento centrado en tres puntos: a avaliación dos danos, a súa restauración e unha estratexia de reclamación xudicial aos responsables da catástrofe. O acto inaugural completouse coa intervención do presidente do CCG, Alfonso Zulueta, quen destacou a importancia da salvagarda do mar como "parte importante da cultura en Galicia", e Pablo Campos, presidente de AERNA, quen presentou o seminario como a primeira actividade da Asociación Hispano-Portuguesa de Economía dos Recursos Naturais e Ambientais, creada hai nove meses con 150 asociados pero que "quere facer entender a necesidade de que existan asociacións como a nosa". "Aínda é cedo" Trala intervención do conselleiro, Xosé Molares, técnico do Instituto de Investigacións Mariñas da Xunta de Galicia, foi o encargado de explicar o traballo que un equipo está a levar adiante para avaliar a persistencia dos residuos, as zonas afectadas e os efectos sobre as poboacións de percebes. Segundo asegurou este técnico, "nas poboacións de percebes avaliadas non detectamos ningún exemplar morto nin manchas adheridas ás zonas de percebe", aínda que fixo fincapé en que quedan zonas de costa sen avaliar e, polo tanto, "é cedo para coñecer os danos provocados". A sesión da mañá rematou coa intervención de Richard T. Carson, da Universidade de California, Molly MacCarmmon, do Consello Fiduciario creado con motivo dos vertidos do Exxon Valdez en Alasca, e Stale Navrud, da Universidade de Oslo, que centrou a súa intervención no marco da lexislación ambiental que se aplica en EE UU e na UE, unha lexislación que en EE UU é bastante máis dura con este tipo de accidentes ca no caso de Europa. Pola tarde será o momento de coñecer a experiencia de viarios técnicos do IFREMER, que fixeron fronte ao impacto ambiental e económico que tivo a marea negra do Erika en Francia.