----

UN FORO DE CIENTÍFICOS ANALIZA A PARTIR DE MAÑÁ NO CCG AS CONSECUENCIAS DA CATÁSTROFE DO ‘PRESTIGE’

O Consello da Cultura Galega acollerá mañá e pasado, 7 e 8 de marzo, o Seminario Científico Internacional "Efectos Económicos, Sociais e Ambientais da Marea Negra do ‘Prestige", un encontro de expertos que nace co obxectivo de ofrecer información obxectiva e coherente sobre as consecuencias do afundimento do petroleiro.

O acto inaugural destes encontros, dos primeiros desta índole que se desenvolven trala catástrofe do ‘Prestige’, contará coa presencia do conselleiro de Medio Ambiente, José Manuel Barreiro, do presidente de AERNA, Pablo Campos e do presidente do Consello da Cultura Galega, Alfonso Zulueta.

Organizado polo CCG en colaboración coa Asociación de Economía dos Recursos Naturais e Ambientais (AERNA), este Seminario reunirá biólogos, economistas, axentes sociais procedentes de Estados Unidos, Francia e España, tres países unidos polas catástrofes ambientais do Exxon Valdez, o Erika e o Prestige e que agora, a través do esforzo dos organizadores, unen esforzos para analizar os métodos aplicados e os resultados obtidos para a recuperación integral da zona (no ámbito económico, ambiental e social). Algúns dos participantes serán Molly McCammon, do Consello Fiduciario para o vertido do petrolero Exxon Valdez, Richard T. Carson, catedrátido de Economía da Universidade de California, Olivier Thebaud, do Servicio de Economía Marítima do IFREMER ou Mª Carmen García Negro, do departamento de Economiía Aplicada da USC, entre outros.

Outro dos elementos que será obxecto de debate será a lexislación sobre responsabilidade ambiental que se aplica en EE.UU e en Europa.