----

O IMPACTO DA OBRA DE FREI ROSENDO SALVADO, OBXECTO DUNHA MOSTRA QUE ORGANIZA O CCGA EN TUI

A piques de se cumprir os 101 anos da morte de Frei Rosendo Salvado (1814-1900), o Consello da Cultura Galega organiza unha mostra que recolle aqueles aspectos culturais menos coñecidos da obra que o pai Salvado levou adiante no proceso de construcción de Australia ó longo do século XIX. Durante un mes, entre o 15 de setembro e o 15 de novembro, Tui, cidade natal de Frei Rosendo, acollerá esta exposición, presentada baixo o título de Frei Rosendo Salvado (1814-1900) O bispo dos sen alma e organizada pola sección de Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade en colaboración coa de Cultura Galega no Exterior.

O coordinador da sección de Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade, Francisco Díaz-Fierros, será o encargado de ofrecer unha rolda de prensa previa á inauguración da exposición, que terá lugar o xoves, 13 de setembro, no concello de Tui. Na rolda de prensa, que terá lugar ás 12,30 h. no concello de Tui, Díaz-Fierros estará acompañado do cóengo arquiveiro da catedral e o concelleiro de cultura de Tui, en representación das entidades que tamén colaboran na exposición.

Ademais do Museo e Arquivo Histórico Diocesano no Bispado de Tui- Vigo e o Concello de Tui, a mostra conta tamén coa colaboración do Xulgado de Tui, a Deputación de Pontevedra e a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Fundador dun mosteiro
Esta mostra afonda en valoracións e estudios etnolóxicos cos que se pretende establecer cal foi o impacto real que causou na poboación a presencia do pai Salvado nunhas terras nas que ata aquel momento tódolos intentos de ser cristianizadas fracasaran. Sen embargo, este monxe galego non so conseguiu establecerse senón que chegou a fundar un mosteiro, en New Norcia.