A EXPOSICIÓN "A NOITE ESTÁ VARRIDA DA TERRA" AMOSA OS AVANCES DA CIENCIA GALEGA NO XIX

A aventaxada posición científica da Universidade de Santiago e as conexións entre os científicos da Universidade de Santiago e os últimos desenvolvementos tecnolóxicos da Europa do século XIX foron destacados no transcurso da inauguración da exposición A noite está varrida da terra, organizada polo Consello da Cultura Galega co patrocinio de Unión Fenosa e a Universidade de Santiago de Compostela. No acto estiveron presentes Manuel Fraga, Presidente da Xunta de Galicia, Carlos Casares, Presidente do Consello da Cultura Galega, Xesús Pérez Varela, Conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Manuel Bermejo, coordinador da exposición.

Manuel Fraga destacou que "esta exposición descúbrenos, unha vez máis, que nunca faltaron nesta terra decididos, emprendedores, cunha ampla visión do mundo e cun gran espírito e curiosidade científicos". Para o Presidente da Xunta, "Antonio Casares -o científico que creou a primeira experiencia con electricidade- aportaron o seu gran de area ó que sería anos despois, un elemento imprescindible para o desenvolvemento mundial".

Carlos Casares, pola súa banda, agradeceu á Sección de Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade a súa iniciativa: "cando o Consello creou esta sección, fíxoo coa intención de que non se poden facer divisións entre a cultura humanística e a cultura científica". Casares suliñou asímesmo que esta exposición "pode ser unha aportación á futura Cidade da Cultura".

A exposición A noite está varrida da terra pódese visitar na Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela ata o 30 de xuño. Amosa numerosas pezas procedentes das investigacións dos Gabinetes Científicos da Universidade de Santiago, ademais de diversos centros de ensino secundario, máquinas e instrumentos que permiten comprender a historia da
electricidade ó longo do século XIX.

Con esta mostra preténdese recoller os esforzos experimentais que institutos, seminarios, colexios privados e a propia Universidade de Santiago fixeron neste século, amosando parte do espléndido patrimonio científico, 331 pezas inventariadas no campo da electricidade, que aínda se conservan.

Material didáctico
A mostra quere chamar a atención sobre científicos como Antonio Casares, creador dos Gabinetes Científicos da USC, escritor de libros orientados á industria, así como investigador en numerosos campos da ciencia, especialmente a química e a física.

A exposición pretende ser un punto de referencia para os profesores de ciencias do ensino secundario e, neste sentido, porase a disposición dos visitantes material didáctico específico para alumnos de ESO e Bacharelato, ademais de ofrecer a posibilidade de que os estudiantes poidan manipular réplicas dalgúns dos aparellos empregados nos experimentos, a través dun obradoiro de electricidade