----

ANXO CARRACEDO: "OS XENES PÓDENNOS DAR AS CHAVES PARA ENTENDER O NOSO PASADO"

"Os xenes pódennos dar as chaves para entender o pasado", afirmou un dos coordinadores das xornadas "Xenética e Historia no Noroeste Peninsular", Anxo Carracedo, unha información útil "sobre todo naquelas épocas onde os historiadores non poden aplicar métodos válidos". O director do Instituto de Medicina Legal da USC quixo facer fincapé así da importancia que teñen encontros coma o que deu comezo esta mañá organizado polo Consello da Cultura Galega e que, ó longo dos dous próximos días, pretende unir os esforzos de xenetistas e historiadores nunha experiencia interdisciplinaria pioneira en Galicia.

Tanto Anxo Carracedo como Xerardo Pereira Menaut, tamén coordinador das xornadas, amosáronse partidarios de que xuntanzas como a que hoxe comezaba, "atopen puntos de contacto entre as ciencias médico-biotecnolóxicas e as sociais", para tentar ofrecer novas explicacións a fenómenos como o celtismo ou o nacionalismo, segundo puxo de manifesto o historiador Pereira Menaut. Durante a xornada da mañá foi a quenda de reputados xenetistas galegos, cataláns e portugueses que tentaron ofrecer unha visión global da composición xenética da poboación mundial en xeral e da do noroeste da península ibérica en particular.

Orixe recente e africano
Neste sentido, o profesor da Universidade Pompeu Fabra, Jaume Bertranpetit, centrou a súa intervención, a primeira da mañá, en explicar por que o estudio das diferencias xenéticas da poboación poden axudar a reconstruír a evolución histórica das diferentes poboacións. Así, Bertranpetit explicou como, a través do proxecto Genoma, os xenetistas foron capaces de establecer "reloxos moleculares" que permiten coñecer a velocidade de cambio da información xenética da poboación. "Mirar o número de diverxencias xenéticas permítenos establecer o tempo de separación de dúas especies", polo que se poden desbotar as afirmacións dos paleontólogos de que a especie humana levaba evolucionando de xeito diferenciado máis de 5 millóns de anos. "A diferencia xenética entre homes e chimpancés é de a penas un 1% o que nos indica que a especie humana ten moi pouco pasado", asegurou este xenetista catalán quen engadiu que, se a diferencia con outras especies é a penas do 1% , a diferencia entre poboacións humanas é dun 1 por mil, "somos idénticos nun 99,9% do mapa xenético" polo que, concluíu, que a especie humana, ademais de ter unha orixe moderna, esta orixe localizouse nas poboacións de África xa que, na súa opinión, os homínidos de Atapuerca ou de Neardenthal non deixaron rastros xenéticos.

¿Presencia sub- sahariana?
Establecida a orixe da poboación mundial, dous relatores, Antonio Amorim e Leonor Gusmão, ambos especialistas do APATIMUP (Porto, Portugal), foron os encargados de establecer a composición xenética da poboación do noroeste peninsular. Para iso centraron a súa intervención na análise das liñaxes femininas e masculinas a través do estudio de marcadores uniparentais. Pola súa banda, Antonio Amorím asegurou que descubriron interesantes diferencias nas secuencias xenéticas transmitidas a través da liñaxe feminina. "Ó contrario do que a historia nos facía pensar, a presencia da liñaxe feminina de influencia sub sahariana é detectada dunha maneira máis evidente no Noroeste da península que non no Sur e no Centro de Portugal", asegurou o profesor Amorím, quen afirmou que de aí se deduce que a presencia sub sahariana na península chegou por vía feminina.

A teoría que expuxeron os especialistas portugueses contrastou coa de Anxo Carracedo. Durante a súa intervención, Carracedo fixo públicas algunhas conclusións do seu grupo de investigación, conclusións que diversen das dos seus colegas portugueses. O director do Instituto de Medicina Legal da USC asegurou que, a través do estudio dos mesmos marcadores que os xenetistas portugueses, eles acharon alteracións xenéticas da poboación galega que fan pensar que son as mulleres portuguesas as que teñen liñaxes norteafricanas, liñaxes que en Galicia se atoparían nos homes.

Neste sentido, o profesor Carracedo destacou que o Cromosoma Y revela unha estructura xenética compatible coa mobilidade. E isto vén a significar que os rastros xenéticos atopados nas migracións revelan que son as mulleres as que se moven. Unha tendencia que en Galicia se da ó contrario. E isto, para Carracedo " se podería explicar polo matriarcado, pero que tal vez teña outras explicacións históricas que os historiadores se encargarán de apuntar".