NOTICIA

----

O CONSELLO DA CULTURA GALEGA LANZA UN LIBRO QUE ANALIZA A RELACIÓN DA ECONOMÍA CO ENTORNO

A Sección de Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade organizou para mañá, xoves 14 de xuño, ás 12h. no Paraninfo da Universidade de Vigo, un acto para presentar oficialmente unha nova publicación do Consello da Cultura Galega, Economía Ambiental e Sociedade, producto da publicación das actas que sobre o Seminario Economía Ambiental e Sociedade, acolleu Santiago o pasado mes de maio.

No acto participarán o rector da Universidade de Vigo, Domingo Docampo, o coordinador da Sección de Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade, Francisco Díaz-Fierros e os coordinadores da publicación, Albino Prada Blanco e María Xosé Vázquez, do Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo.

Novos camiños
No libro recóllense cinco relatorios que se expuxeron e foron debatidos durante o seminario, nos que se abordan distintos aspectos da relación que debe establecerse entre a conservación do medio ambiente e o que custan este tipo de actuacións no entorno, facendo tamén balance entre o patrimonio natural que nos legaron os nosos antecesores e o que herdarán as novas xeracións. O obxectivo co que se afrontou este Seminario, e que se pretende poñer en coñecemento xeral coa publicación desta obra, é reflectir os novos camiños que abordan os economistas, que nos últimos anos foron acadando unha concienciación medioambiental que permite ir deixando atrás antigas análises nas que só se tiñan en conta custes a curto prazo, esquecendo a miúdo os danos ambientais xerados no entorno.