AS NOVAS PROPOSTAS PARA A INFORMACIÓN CULTURAL CENTRAN UN ENCONTRO ORGANIZADO POLO CCG

A elaboración da información cultural nos medios de comunicación, a especialización xornalística neste eido e as novas propostas no tratamento deste tipo de información son algunhas das liñas de debate que se pretenden abordar durante o encontro A información cultural en Galicia: algunhas ideas para un cambio, que terá lugar o vindeiro día 30 de abril no Consello da Cultura Galega.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

A Sección de Comunicación do CCG é a encargada de organizar este encontro dirixido a aqueles xornalistas que se enfrontan diariamente á necesidade de atopar novos xeitos de comunicar a cultura. Neste sentido, esta xornada pretende achegarse ós lazos de mutua dependencia que agora unen á cultura cos medios de comunicación, un achegamento que se fará desde unha triple óptica multidisciplinar representada polo mundo académico, os profesionais dos medios e as propias fontes da información cultural.

Outro dos ámbitos nos que se pretende pescudar durante este encontro vén marcado pola necesidade cada vez máis urxente de adaptarse a unha sociedade cambiante que esixe novas formas de comunicación que integren a pluralidade lingüística, social, política e cultural.

De aí a necesidade crecente de novos formatos, novos soportes e, sobre todo, novos xeitos de comunicar, de contar as distintas manifestacións culturais que se xeran para achegalas ó público maioritario que esixe xeitos doados e efectivos de comprensión da información. Tendo en conta todas estas esixencias, con este acto, o Consello da Cultura Galega non pretende senón converterse en foro para poñer en común experiencias prácticas eficaces na comunicación da información cultural, así como servir de punto de encontro para os profesionais dos medios de comunicación especializados neste eido.


Novas propostas
Os escritores e xornalistas, Carlos G. Reigosa, Manuel Rivas, Ramón Chao, así como as responsables de programas culturais como Metrópolis ou El Ojo Crítico, Alina Iraizoz e Paz Ramos, respectivamente, serán algúns dos participantes de La información cultural en Galicia" encontro que quedará pechado pola tarde cunha mesa redonda en torno ás novas propostas para elaborar un xornalismo cultural de calidade e coa presentación do informe A cultura na prensa diaria galega elaborado por Montse Calvo e Xosé López, membro e coordinador da Sección de Comunicación do Consello da Cultura Galega.