A RELACIÓN ENTRE A ARTE E A INDUSTRIA CLAUSUROU O "CURSO DE GUIÓN" DO CONSELLO DA CULTURA GALEGA

As relacións entre a arte e a industria clausuraron o "Curso de guión de ficción para televisión" que organizou a Sección de Comunicación do Consello da Cultura Galega. O debate tivo lugar no transcurso dunha mesa redonda na que participaron Antón Reixa, director da productora Portozás Visión, Pancho Casal, de Continental Producciones e Emilio Mc Gregor, director e realizador da teleserie Mareas Vivas, que emite a Televisión de Galicia e Antón Dobao. Os coordinadores do curso, Xosé Cermeño, guionista de Pratos Combinados e Xosé López, director da Sección de Comunicación foron os encargados de pechar a sesión.

No transcurso da mesa redonda os diferentes participantes abordaron as relacións entre a industria e a arte na creación dun guión para unha producción. Un proceso, que aínda que eminentemente creativo, goza de imperativos de tipo económico. Neste sentido, Emilio McGregor na súa primeira intervención afirmou que "o presuposto é un condicionante inamovible nunha creación". Unha consideración que ningún dos guionistas deixou pasar de largo, facendo fincapé na necesidade e no interese por contar unha historia. Así, Antón Reixa, na súa faceta de guionista, centrouse na "necesidade de contar historias".

Por outra banda, e no seu labor de productor, Pancho Casal, estableceu a necesidade e a esixencia dun guión que sirva tanto "para a elaboración da producción como na súa posterior venta". Asemade, estableceu a necesidade de que este se adapte os criterios de mercado para poder darlle saída a unha producción.





Profesionalización do oficio de guionista

Tanto os guionistas como o productor coincidiron na necesidade de profesionalizar o oficio de guionista. Unha condición indispensable para que se poidan obter produccións de maior calidade. Neste sentido, Emilio McGregor apuntaba a vantaxa de gozar da “solvencia económica que che permita dispoñer do tempo libre necesario para preparar a seguinte producción”. Pola súa banda, Pancho Casal apoiaba esta reivindicación que ofrecerá “uns guións máis serios e responsables” de proxectos máis viables.

O curso de guión

A mesa redonda pechaba o “Curso de guión de ficción para series de televisión”, unha iniciativa desenvolvida pola Sección de Comunicación do Consello da Cultura Galega. O curso, que tivo 34 alumnos que pasaron un proceso de selección, contou coa participación de profesionais de diferentes ámbitos relacionados coa producción de series de ficción como Ignasi Rubio (guionista de “Médico de familia” e “Raquel busca su sitio”), Valentín Fernández Tubau (guionista e profesor de guión experto en diálogos) , Carlos Carballo (director de programas da Televisión de Galicia), Anxo Quintanilla (director xerente da TVG).