MARIO GARCÍA: "OS XORNAIS DO FUTURO ESTARÁN MOI INFLUÍDOS POR INTERNET"

Mario García adiantou cales serán as tendencias do futuro no deseño gráfico dos xornais e das súas versións electrónicas na conferencia maxistral "Novas Tendencias Mundiais no deseño da prensa tradicional e electrónica" que Consello da Cultura Galega, nun seminario organizado pola Sección de Comunicación do Consello da Cultura Galega co patrocinio de Unión Fenosa.

"O deseño dos xornais nos próximos anos será minimalista, moi austeiro, moi preocupado polo contido", asegurou o deseñador, director de Mario García Media Group e un dos máis prestixiosos profesionais da prensa na actualidade no mundo.

Mario García analizou as claves do deseño nos próximos anos: "ter moi en conta a relación coa versión electrónica baixo a estratexia da complementación entre os contidos da edición dixital e a edición en papel". García asegurou que os xornais "deben ter un editor de contidos online que participa das decisións da redacción en papel".

A conferencia foi retransmitida a través de Internet coa colaboración da Radio Galega (Compañía de Radio Televisión de Galicia)

Deseñador de máis de 450 xornais
Mario García é mundialmente coñecido como experto no deseño de xornais impresos e electrónicos. De orixes cubanas, este asesor dalgúns dos principais grupos de comunicación do mundo, tiña participado no deseño de preto de 450 xornais en 35 países a finais do pasado ano.

Propietario da empresa Mario Garcia Group, radicada nos Estados Unidos, está especializado no desenvolvemento do deseño de publicacións, e especialmente en crear contornos nos cales publicacións existentes poden facer unha fácil transición cara a publicación electrónica.