----

O CCG PRESENTA MAÑÁ DÚAS ACHEGAS FUNDAMENTAIS PARA COÑECER O SECTOR DA COMUNICACIÓN EN GALICIA

O tratamento informativo das pasadas eleccións autonómicas do 21 de outubro de 2001 na prensa, radio e Internet centra o segundo número da Revista de Estudios de Comunicación que mañá, mércores, 31 de xullo, se presenta no Consello da Cultura Galega nun acto que se desenvolverá ás 12h. O vicepresidente primeiro da institución, Francisco Díaz-Fierros, e o responsable do Arquivo e a Sección de Comunicación do CCG, Xosé López, estarán presentes neste acto no que tamén se aproveitará para dar a coñecer o "Informe da Comunicación en Galicia 2002".

Reputados académicos das Universidades de Santiago de Compostela e Vigo como Xosé Antonio Neira Cruz, María Xosé Porteiro, Xosé María Besteiro ou Manuel Veiga, entre outros, son os responsables da profunda análise que o número 1 da Revista de Estudios de Comunicación presenta das eleccións autonómicas do 21-O, ademais doutros traballos como a análise da cadea de televisión MTV ou o uso das linguas minoritarias no marco da globalización.

O "Informe da Comunicación en Galicia 2002", que tamén se presentará mañá no mesmo acto, pola súa banda, presenta un estudio de destacados profesionais e académicos en torno á situación dos grupos de comunicación, o cine, Internet e a Sociedade da Información e outras cuestións de actualidade, como a situación laboral dos xornalistas, a súa ética, etc. Trátase dun documento, en definitiva, chave para enterdermos a situación do sector da comunicación en Galicia nestes momentos.