NOTICIA

----

A VIDA E OBRA DE CURROS, A ANÁLISE NO I CONGRESO INTERNACIONAL “CURROS ENRÍQUEZ E O SEU TEMPO”

O Consello da Cultura Galega inaugurará o xoves, 13 de setembro, no Salón de Actos do mosteiro de Celanova, ás 10:00 h o I Congreso Internacional "Curros Enríquez e o seu tempo". No acto de inauguración estarán presentes Carlos Casares, Presidente do Consello da Cultura Galega, o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rogelio Martínez González, Xesús Alonso Montero, catedrático de Literatura Galega, e Antonio Mouriño, alcalde de Celanova, Felipe Ferreiro, delegado provincial da Consellería de Cultura.

O Congreso nace co obxectivo de crear un foro de estudio e de debate co gallo do 150 aniversario do nacemento de Curros Enríquez e celebrarase entre os días 13 e 15 de setembro en Celanova (Ourense). O domingo 16 de setembro realizaranse varias homenaxes a Curros en Celanova e na Coruña.

O Congreso preséntase como un acontemento amplio destinado á "situar, valorar e reexaminar" a figura de Manuel Curros Enríquez, en palabras do coordinador, Xesús Alonso Montero. Segundo o catedrático da Universidade de Santiago, "é unha débeda que temos cun poeta e cun periodista de valía, cunha voz que cómpre reexaminar e ter moi en conta nos tempos de hoxe". O Congreso está organizado polo Consello da Cultura Galega e o Concello de Celanova.

O evento estará dividido en sesións monográficas sobre os distintos aspectos da vida e da obra o poeta e xornalista celanovés. Deste xeito, o xoves 13 abordarase a biografía de Curros a través de relatorios sobre o seu proceso penal ou a súa infancia, o súa relación co xornalismo ou a súa estadía en Cuba, xunto cunha revisión da súa correspondencia con intelectuais da época. O venres 14 e o sábado 15 os expertos estudiarán as relacións literarias de Curros Enríquez, a súa obra literaria ou como foi recibida esta polo público. Durante o domingo sucederanse varias actividades conmemorativas do acontecemento.

Publicacións
Xunto co Congreso, diversas publicacións sobre Curros Enríquez foron preparadas para esta edición. Entre elas, unha antoloxía de poemas do autor que será distribuída por La Voz de Galicia o sábado, 15 de setembro, co patrocinio da Deputación de Ourense ou O proceso penal a Manuel Curros Enríquez (1880,1881) , cun estudio de Benito Montero Prego, fiscal da Audiencia de Pontevedra (coedición do Consello da Cultura galega e do Colexio de Avogados de Ourense).