NOTICIA

----

O CONSELLO DA CULTURA GALEGA VALORA POSITIVAMENTE O ACORDO SOBRE A REFORMA ORTOGRÁFICA E MORFOLÓXICA DO IDIOMA GALEGO

O Consello da Cultura Galega (CCG) valora positivamente o acordo adoptado pola Real Academia Galega (RAG) sobre a reforma e a actualización das normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego. Entende que os pequenos retoques introducidos suporán un mínimo esforzo de adaptación para os usuarios da norma vixente e, en troques, ampliarán a base de apoio a sectores significativos do mundo cultural e social galego. É, pois, un paso necesario e oportuno cara á superación das disensións normativas e a aceptación xeral das normas oficiais.

O Consello expresa os seus parabéns á RAG polo seu acordo e confía en que tódalas enerxías se poñan agora ó servicio da mellor e maior utilización do noso idioma. Para o cumprimento dese obxectivo esencial, o CCG desexa que as modificacións introducidas sexan asumidas canto antes polos usuarios do idioma galego e insta á RAG a difundir do xeito máis rápido e eficaz o texto aprobado.

O CCG confía asemade en que a Xunta de Galicia -no marco das súas atribucións- adopte as previsións necesarias para institucionalizar e facilitar o coñecemento público e a aplicación práctica da normativa aprobada, moi especialmente en sectores como as administracións e publicacións oficiais, o ensino, os medios de comunicación e o mundo editorial. Entende o CCG que esas previsións deben ser levadas a cabo polos departamentos correspondentes da Xunta de Galicia dun xeito pronto e flexible para garantir unha implantación doada e rápida da normativa acordada. O CCG ofrece á RAG, á Xunta de Galicia e a todos os sectores interesados a súa total colaboración para o mellor cumprimento dos devanditos obxectivos.