A publicación, editada polo Consello da Cultura Galega en colaboración co Museo de Pontevedra e que hoxe se presentaba no Salón de Actos do CCG, constitúe a obra máis completa do erudito pontevedrés e, coa súa edición, complétase a edición dos cancioneiros da literatura galega popular máis importantes, segundo expresou Antón Santamarina. Xunto co de Casal Lois, Santamarina destacou as recollida do patrimonio de tradición oral que levaron adiante Valladares, Saco y Arce e López Ballesteros, todos elas coleccións que foron elaboradas na mesma época, a segunda metade do século XIX, momento no que o espírito do Rexurdimento promovía a catalogación do patrimonio cultural propio.
Despois da publicación da obra de Casal e tendo en conta a existencia de numerosas publicacións de cancioneiros dispersos, Santamarina asegurou que "agora só queda agardar que cristalice o grande cancioneiro da literatura oral, un cancioneiro que pode ser un dos máis ricos de toda España", traballo inxente para o "contamos cos vimbios e contamos con cesteiros, só fai falla o mecenas que queira asumir este traballo".
Un reflexo da sociedade da época
Pola súa parte, o encargado da edición, o filólogo e experto en literatura oral, Domingo Blanco, fixo fincapé na crítica, o sentimento e o humor que se recolle nesta Colección de Cantares Gallegos, que é o resultado "dun traballo constante, silencioso e discreto de toda unha vida", no que se reflicte o panorama social da Pontevedra da súa época. Blanco tamén quixo destacar durante a súa intervención a sensibilidade da que fai mostra Casal Lois cando recolle este tipo de poemas, unhas manifestacións que a alta sociedade pontevedresa consideraba "vulgares".
Durante o acto de presentación oficial desta publicación tamén estivo presente o presidente en funcións do Consello da Cultura Galega, Alfonso Zulueta de Haz, e o director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle, quen destacou a riqueza do fondos dos que dispón o museo, documentación que os investigadores teñen a posibilidade de consultar.