NOTICIA

----

A PLANIFICACIÓN LINGÜÍSTICA REQUIRE DIÁLOGO E CONSENSO, SEGUNDO AS CONCLUSIÓNS DO INFORME PRESENTADO ESTA MAÑÁ POLO CONSELLO DA CULTURA

A promoción do galego a través de políticas democráticas derivadas dun profundo diálogo político, social e institucional e a necesidade de promover planos de normalización da lingua que sexan claros nos seus obxectivos, cunha planificación detallada e que conteñan políticas de avaliación da eficiencia das súas accións foron as dúas primeiras conclusións que se extraeron do proxecto "O proceso de normalización do idioma galego: 1980-2000", promovido pola Sección de Lingua do Consello da Cultura Galega e do que esta mañá se presentou o primeiro volume, "Política lingüística: análise e perspectivas".

O coordinador do volume, Henrique Monteagudo e Xaime Subiela, membro de Cidadania-Rede de aplicacións sociais, xunto co presidente do Consello da Cultura Galega, Alfonso Zulueta, foron os encargados de faceren a presentación desta primeira parte dun proxecto que abrangue un total de catro volumes nos que se resume o traballo de catro anos. Segundo explicou Henrique Monteagudo, "tratábase de ofrecer un estudio cun carácter prospectivo e de diagnose do que se puidesen tirar consellos e ver cáles son políticas funcionais e cáles non".

Monteagudo destacou que o Consello da Cultura Galega, como órgano asesor e consultivo que é, asumiu este risco de dicir que é o que está equivocado pero faino "apoiado nun amplo consenso", acadado na consulta dunha ampla variedade de axentes sociais implicados no proceso de normalización (expertos, responsables políticos, asociacións a prol da lingua,...), que fai deste estudio unha análise interdisciplinaria.

Un estudio funcional e constructivo
Neste sentido Xaime Subiela, un dos directores do equipo de investigación encargado deste volume, destacou que "queriamos establecer marcos constructivos que nos permitisen, a partir da valoración do que pasou ata agora, afrontar o que nos toca en diante". Subiela fixo fincapé na funcionalidade deste estudio, dirixido tanto aos responsables públicos como ao conxunto de actores sociais entre os que é preciso, asegurou "que se estableza un marco de diálogo común".

Finalmente, Henrique Monteagudo fixo unha rápida lectura das conclusións deste primeiro informe, destacando que "a cuestión da lingua non debe estar na area política" posto que "só desde un amplo consenso se poder conseguir un plan efectivo".

A preguntas dos xornalistas, Monteagudo fixo referencia ao Plano Xeral de Normalización da Xunta de Galicia, do que destacou, entre outras conclusións, que detectaron ausencia de diálogo co resto dos actores sociais implicados, ineficacia na recuperación de usos do galego, aumento do prestixio da lingua, ampliación do seu uso por parte do persoal da Administración ou unha ineficacia nas medidas de normalización establecidas para os medios de comunicación privados, entre outras.

Publicacións no prelo
En canto á publicación dos seguintes tres volumes dos que se compón o traballo, Monteagudo avanzou que o segundo, dedicado ao ensino sairá nun prazo de mes ou mes e medio mentres que o terceiro, dedicado ás Administracións, principalmente locais, e o cuarto, sobre o corpus da lingua e a situación do galego estremeiro, xa están no prelo polo que a súa presentación podería facerse antes do verán.