NOTICIA

----

O CCGA PRESENTA O I ENCONTRO INTERNACIONAL SOBRE CULTURA DE PAZ

Promover os valores da tolerancia, da liberdade, da xustiza e dos dereitos humanos é o obxectivo do I Encontro Internacional Cultura de Paz que organiza o Consello da Cultura Galega (CCGA) e o Seminario Galego de Educación para a Paz (SGEP). O Salón de Actos do Consello da Cultura Galega acollerá a presentación do I Encontro Internacional Cultura de Paz o luns, 7 de xaneiro, ás 12:00 h. No acto estarán presentes Henrique Monteagudo, secretario do Consello da Cultura Galega e Manuel Dios, secretario do Encontro e Presidente do SGEP.

O Encontro celebrarase en Santiago de Compostela os días 24, 25 e 26 de xaneiro e está dirixido por Federico Mayor Zaragoza, Presidente da Fundación Cultura de Paz e ex-director xeral da UNESCO. O programa do evento conta coa participación de destacados especialistas internacionais na cultura de paz, como Johan Galtung, profesor de Estudios para a Paz nas universidades de Hawaii, Written/Herdeccke e Tromso ou Betty Reardon, profesora da Universidade de Columbia (Nova York) e directora do Programa de Educación para a Paz do Teachers College.

Ademais, o evento contará con conferencias sobre o dereito de inxerencia internacional (Rafael Grasa, catedrático de Relacións Internacionais da Universidade Autónoma de Barcelona ou sobre as relacións entre Occidente e o Islam no século XXI, impartido por Pedro Martínez Montávez, catedrático do Departamento de Estudios Árabes e Islámicos da Universidade Autónoma de Madrid.