EDITORES DE GALEUSCA DEBATEN EN SANTIAGO O FUTURO DO LIBRO

Baixo o nome de Galeusca de Editores 2001, a Asociación Galega de Editores (AGE) reunirá durante tres días a impotantes persoeiros do mundo do libro en Galicia, entre os que se atopa o presidente do Consello da Cultura Galega, Carlos Casares, que acude como director da Editorial Galaxia.

Ó longo de cinco mesas redondas, que se celebrarán o xoves e venres, días 15 e 16 de marzo, os editores abordarán distintos aspectos como a industria cultural, a diversidade lingüística fronte á globalización, as culturas minoritarias, así como as diferentes estratexias para a comercialización dos diferentes productos culturais.

Apoio ó libro galego
A Asociación Galega de Editores (AGE) foi creada no ano 1983 para apoiar de xeito profesional a iniciativa empresarial da edición en lingua galega. Dende entón presta os seus servicios a 23 editores de libros, música e multimedia, formando parte da Unión Internacional de Editores a través da Federación de Gremios de Editores de España.

A AGE, presidida por Fabiola Sotelo, promove e defende o dereito dos editores a publicar e distribuí-los traballos da creación en completa liberdade. Do mesmo xeito, a AEG ten o respecto á propiedade intelectual como estímulo da creatividade como outro seus obxectivos.

Xunto cos seus socios, autores, ilustradores, traductores, libreiros, bibliotecarios e impresores, a AGE participa activamente en campañas de promoción do hábito da lectura, incentiva a novos autores e editores e favorece o intercambio de creacións intelectuais máis alá dos límites nacionais.