O Consello da Cultura Galega, organizador do evento, reuniu para a segunda xornada do congreso a máis dunha vintena de expertos nas relacións literarias que mantivo Curros Enríquez. Neste sentido, o escritor Xosé Luís Méndez Ferrín foi o encargado de abri-la xornada cun relatorio no que fixo unha reivindicación do Divino Sainete non coma obra ideolóxica e como unha clara sátira profundamente anticlerical, que o é, senón nas súas vertentes máis líricas e intimistas.
O galego, lingua literaria
Así mesmo, Méndez Ferrín fixo fincapé no conflicto que enfrontou a Curros como abandeirado da literatura en galego emerxente con Emilia Pardo Bazán e o resto da elite, que defendía a consideración do galego como dialecto e que, como tal, debía seguir sendo empregando unicamente no folclore.
Este conflicto con dona Emilia, así como as boas relacións que Curros mantivo con Murguía, unha relación cualificada como "de respecto e colaboración", con Rosalía, á que citará en numerosas obras como profeta e símbolo de Galicia ou con Eduardo Pondal serán o eixo das sesións de hoxe.
Nelas os expertos tamén abordarán as influencias que a pluma de Curros Enríquez tivo sobre outros escritores, tentando probar estas relacións a través da presentación e análise de artigos e poemas de escritores influídos polo modelo de Curros.
O teatro en Curros
Entre os relatorios tamén destaca unha ponencia dedicada á análise das obras teatrais de Curros Enríquez, unha parte da súa obra tan pouco coñecida e que, a dicir dalgúns estudiosos, permite dar luz sobre aspectos da obra e da vida do escritor celanovés.
A xornada rematará cun recital poético do grupo Dolmen de Ourense dedicado a Alberto Vilanova. O acto, que terá lugar ás 23,30 h., está financiado pola consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo da Xunta de Galicia.