----

OS EDITORES DE GALEUSCA DEBATEN FÓRMULAS PARA COMPETIR NA GLOBALIZACIÓN

As editoriais en linguas minorizadas deben formular estratexias rápidas para poder contrarrestar os efectos dun mercado globalizado. Así o sinalaron os editores reunidos nas xornadas de Galeusca 2001 de Editores, no Consello da Cultura Galega. As xornadas de traballo reunen a representantes e directivos de editoriais en lingua galega, catalana e basca e rematarán mañá venres e están organizadas este ano pola Asociación Galega de Editores en colaboración con diversas institucións autonómicas.

A xornada de mañá iniciouse cunha conferencia de Carlos Casares, presidente do Consello da Cultura Galega, en calidade de director da Editorial Galaxia. Casares advertiu de que as editoriais en linguas minorizadas deben "tomar a iniciativa editorial antes da chegada de grandes corporacións exteriores", en especial atendendo a novos formatos e ó emprego de novas tecnoloxías na difusión editorial. O director da Editorial Galaxia indicou, asímesmo, a necesidade dun maior acordo e proxectos en común entre as editoriais para o abaratamento dos custes de producción do libro e a mellora da distribución: "é absurda a forte competencia polos libros de texto que existe entre as editoriais", sinalou.

Casares sinalou que na actualidade existen numerosos problemas para as pequenas editoriais en linguas periféricas do Estado: "a poboación lectora galega está por debaixo dos cuarenta anos de idade e o mundo escolar, que ata agora foi o viveiro e o mercado principal do libro galego, comeza a retroceder". Entre os problemas que Casares indicou como relevantes para o mundo editorial galego, destacou que "o libro é cada vez menos un feito cultural e máis un producto comercial", o cal fai depender o éxito de vendas de custosas estratexias de márketing. Por outra banda, Carlos Casares prestou atención a novos formatos de edición electrónica coma os mini ordenadores de man (Palm PC) que permiten unha gran capacidade de almacenamento de libros.


Diversidade na globalización

A xornada continou coa mesa redonda: "Industria Cultural. A diversidade lingüística ante a cultura global", na que participaron Rosa Serrano, Jorge Giménez e Damián A. Villalaín, e que foi moderada polo lingüista Paulino Novo. Os debatentes fixeron fincapé en que as administracións deben xogar un papel decisivo e político na defensa da diversidade cultural e lingüística no novo escenario.

Rosa Serrano, máxima responsable da editorial Tándem Ediciones, indicou que os editores das linguas periféricas "antes tiñamos que loitar contra o centralismo uniformizador e agora tamén contra a globalización", pero indicou para competir e entrar nun mundo globalizado: "antes é preciso resolver problemas internos, coma imaxes simbólicas, a distribución e a comercialización dos libros en linguas periféricas". Serrano tamén indicou que un dos novos problemas é a integración de colectivos inmigrantes: "debemos anticiparnos ó problema e facer un repertorio de actuacións: dar posibilidades de integrar na cultura propia a estes colectivos de inmigrantes que prefiren aprender o castelán antes que a lingua do territorio no que viven. Iso obrigará ás identidades a idear estratexias de acollida".

Jorge Giménez, editor da Editorial Alberdania do País Basco, sinalou que a globalización en sí misma non é un perigo, senón unha situación moi favorable para as pequenas editoriais e linguas minorizadas: "se se consiguen os mínimos de adaptación ó propio entorno local por parte das editoriais, a globalización permite unha presencia no exterior. Pero é positiva para quen non pretende controlar todo o proceso, senón para quen busca as súas propias canles".

Pola súa banda, Damián Villalaín, subdirector da Editorial Galaxia, centrouse no papel que deben exercer as administracións locais e rexionais e a Unión Europea no desenvolvemento e preservación da diversidade cultural e lingüística. Villalaín sinalou que "existe un forte déficit nas actuacións políticas europeas a nivel lingüístico, educacional e cultural" e solicitou unha intervención máis política. Asímesmo, como unha das posibles solucións, Villalaín indicou que unha solución dentro do Estado español "podería ser un modelo constitucional completamente plurilingüe".