EDITORES DE GALEUSCA RESALTAN A FEBLEZA DAS IDENTIDADES FRONTE A GLOBALIZACIÓN

Os editores en linguas minorizadas reclaman unha maior defensa das identidades e linguas propias no proceso actual da globalización cultural. Así o manifestaron os editores reunidos nas xornadas de traballo Galeusca 2001 de Editores, reunidos no Consello da Cultura Galega.

A xornada de mañá iniciouse cunha conferencia de Carlos Casares, presidente do Consello da Cultura Galega, en calidade de director da Editorial Galaxia. Casares sinalou que na actualidade existen numerosos problemas para as pequenas editoriais en linguas periféricas do Estado: "a poboación lectora galega está por debaixo dos cuarenta anos de idade e o mundo escolar, que ata agora foi o viveiro e o mercado principal do libro galego, comeza a retroceder". Entre os problemas que Casares indicou como relevantes para o mundo editorial galego, destacou que "o libro é cada vez menos un feito cultural e máis un producto comercial", o cal fai depender o éxito de vendas de custosas estratexias de márketing.

Diversidade na globalización

A xornada continou coa mesa redonda: "Industria Cultural. A diversidade lingüística ante a cultura global", na que participaron Rosa Serrano, Jorge Giménez e Damián A. Villalaín, e que foi moderada polo lingüista Paulino Novo. Os debatentes fixeron fincapé en que as administracións deben xogar un papel decisivo e político na defensa da diversidade cultural e lingüística no novo escenario.

Rosa Serrano, máxima responsable da editorial Tándem Ediciones, indicou para competir e entrar nun mundo globalizado: "antes é preciso resolver problemas internos, coma imaxes simbólicas, a distribución e a comercialización dos libros en linguas periféricas".

Jorge Giménez, editor da Editorial Alberdania do País Basco, sinalou que a globalización en sí misma non é un perigo, senón unha situación moi favorable para as pequenas editoriais e linguas minorizadas: "se se consiguen os mínimos de adaptación ó propio entorno local por parte das editoriais, a globalización permite unha presencia no exterior. Pero é positiva para quen non pretende controlar todo o proceso, senón para quen busca as súas propias canles".

Pola súa banda, Damián Villalaín, subdirector da Editorial Galaxia, centrouse no papel que deben exercer as administracións locais e rexionais e a Unión Europea no desenvolvemento e preservación da diversidade cultural e lingüística. Villalaín sinalou que "existe un forte déficit nas actuacións políticas europeas a nivel lingüístico, educacional e cultural" e solicitou unha intervención máis política. Asímesmo, como unha das posibles solucións, Villalaín indicou que unha solución dentro do Estado español "podería ser un modelo constitucional completamente plurilingüe".

Oportunidades

Á tarde os editores debatiron sobre "Oportunidades para a cultura minoritaria nun mundo globalizado". Verónica Cantó, directora de publicacións da Editorial Marfil (Valencia) insistiu na necesidade de crear "lectores conscientes" e resaltou que a premisa "para unha boa asimilación da globalización é en primeiro lugar o respecto pola nosa identidade". Cantó avogou porque dende distintas instancias se adopten medidas de protección cultural.

A xornada de mañá de Galeusca 2001 de Editores terá as seguintes mesas redondas: "As linguas minoritarias ante as linguas dominantes", "Creación de productos editoriais noutros soportes distintos do papel" e "Grandes obras e comercialización de productos culturais".

Quintanilla afirma que a TVG contiúa nunha tendencia moi positiva, no Curso de Guión de Ficción.

Anxo Quintanilla, director xeral da Televisión de Galicia afirmou que esta canle "continúa nunha tendencia moi positiva con respecto ó resto das canles de televisión que operan no estado español". Quintanilla fixo estas declaracións no marco do Curso de Guión de Ficción para Televisión, que organiza o Consello da Cultura Galega ata final de mes. O director da TVG tamén explicou que a Televisión de Galicia ten na actualidade un 19 % de audiencia (segundo os datos de Sofres) o que a sitúa como a segunda con máis audiencia en Galicia, despois da TVE (que conta cun 27,3%).

A grande novidade do último ano na TVG foi o aumento de espectadores nas series de ficción. Hoxe en día, os productos de ficción ocupan 137.000 minutos do total de emisión, o que supón un 23,7 % do tempo de emisión. Nembargantes, os productos máis vistos son as misceláneas (cun 26,5% do tempo de emisión) e os informativos cun 24,1%.

En termos globais, Quintanilla asegurou, que segundo a súa opinión, "a TVG non acada as cotas de audiencia da TVE por motivos económicos, xa que nós non podemos asumir a inversión que fai a cadea estatal pública". O director da TVG dixo tamén que as grandes transformacións no medio non van vir da man de Internet, "senón da televisión dixital, que "ó longo do tempo provocará que cada espectador poida crear a súa propia programación personalizada".