O CONSELLO DA CULTURA GALEGA ESTABLECE ACORDOS DE COLABORACIÓN CO CONSELL VALENCIÀ DE CULTURA

O Consello da Cultura Galega establecerá acordos de colaboración e intercambio co Consell Valencià de Cultura. O acordo foi refrendado polos presidentes das dúas institucións, Carlos Casares e Santiago Grisolía, no transcurso da visita oficial que a Comisión Executiva do Consello da Cultura Galega realizou a Valencia neste mes de abril.

O Consell Valencià de Cultura é a única institución do sistema autonómico español con competencias e funcións similares ó Consello da Cultura Galega. Creado polas Cortes Valencianas en 1985, os seus membros son nomeados polo Parlamento e ten como funcións asesorar á Generalitat valenciana en materia cultural.

O Consello da Cultura Galega recibiu a Medalla de Honra do Consell no transcurso da visita. Nos próximos meses, a directiva da institución valenciana visitará Santiago de Compostela e refrendará o acordo marco para colaboración e intercambio co Consello da Cultura Galega.