NOTICIA

----

A OBRA COLECTIVA GALICIA, UNHA LUZ NO ATLÁNTICO PRESÉNTASE MAÑÁ NO CONSELLO DA CULTURA GALEGA

Abordar a cuestión da identidade galega é o obxectivo da última publicación dirixida polo profesor da Facultade de Ciencias da Información de Santiago de Compostela, Víctor Fernández Freixanes. Galicia, unha luz no atlántico, é o título desta obra, que terá a súa presentación oficial no Salón de Actos do Consello da Cultura Galega nun acto oficial previsto para mañá, martes, 18 de decembro, ás 20,00 h.

O volume editado por Xerais é o resultado do traballo dun equipo dirixido polo profesor Freixanes e no que se contan persoeiros como o historiador Ramón Villares, o escritor e antropólogo Marcial Gondar, o director do APNL e secretario do Consello da Cultura Galega, Henrique Monteagudo, o historiador Xosé Manuel Núñez Seixas, o arquitecto pontevedrés César Portela, o profesor de Economía Aplicada na USC e escritor Xavier Vence ou o Director Instituto de Estudios Económicos de Galicia Guillermo de la Dehesa.

Identidade e historia
Ó longo de máis de cinconcentas páxinas, o libro-atlas pretende explicar Galicia por si mesma, partindo da súa entidade como pobo antigo cunha longa historia e completando esa visión histórica con outros puntos de vista derivados do marco contemporáneo no que se atopa Galicia.