O CONSELLO DA CULTURA GALEGA ACOLLE UN RECITAL A CARGO DE DOUS PREMIOS NOBEL

A II Celebración da Poesía, que desde hoxe acolle Santiago baixo a organización do PEN Clube de Galicia, ten prevista a celebración de diversos actos. O Consello da Cultura Galega, entidade que colabora co PEN, prestará o Salón de Actos da súa sede no Pazo de Raxoi para un destes eventos, o recital a cargo dos Nobel Derek Walcott e Wolé Soyinka, que terá lugar mañá, xoves 22, ás 20, 30 h., recital que será retransmitido en directo a través do sitio web corporativo do Consello da Cultura Galega.

O escritor galego Xosé Luis Méndez Ferrín será o encargado de facer unha presentación de Soyinka e Walcott, escritores que recibiron o Premio Nobel de Literatura en 1986 e 1992, respectivamente. Neste sentido, é destacable o feito de que o escritor nixeriano Wolé Soyinka foi o primeiro escritor de raza negra que recibiu o premio da Academia sueca.

Foro internacional
Durante os catro días nos que se desenvolverá este encontro mundial de poetas, Santiago acollerá a poetas e escritores procedentes de diversas culturas xa que está prevista a participación de poetas procedentes de Rusia, Hungría, México, Brasil, Congo, China, Nepal ou Kenia, entre outros.

A segunda edición deste evento, que tivo lugar por vez primeira o ano pasado en París, volve celebrarse coa intención de que se convirta nun foro de intercambio solidario entre culturas e literaturas de todo o mundo.