MANUEL DIOS: "EN 10 ANOS A REFORMA EDUCATIVA NON PUIDO IMPLANTAR O ENSINO DE TEMAS COMO A PAZ OU A MULLER"

Os 17 anos de traballo do Seminario Galego de Educación para a Paz (SGEP) para formar e ensinar a formar ós docentes na cultura de paz foi o eixo central en torno ó que xirou a mañá desta segunda xornada do I Encontro Internacional sobre Cultura de Paz, que se desenvolve ata o sábado no Consello da Cultura Galega. Conceptos como o da paz, o conflicto ou a metodoloxía e os recursos didácticos que os educadres do SGEP aplican centraron as intervencións de Manuel Dios e Calo Iglesias, os dous pertencentes ó SGEP, relatorio que levou o título de Educar para a Paz nas aulas: Recursos e dinámicas.

O actual presidente do SGEP, Manuel Dios, reivindicou a necesidade de renovar as formas do ensino, posto que "é necesario deixar atrás a escola do século XIX, a do discurso, a pizarra e a tiza" para comezar a aplicar outros métodos pedagóxicos que consigan que os alumnos saian da escola, "con capacidade para solucionar os conflictos".

Manuel Dios destacou que "é necesario que nós, como educadores, non declinemos as nosas responsabilidades", e para iso, "temos que aplicar métodos válidos". Manuel Dios explicou a aplicación do método socioafectivo que se fai no Seminario Galego de Educación para a Paz, aínda que fixo fincapé no feito de que "só é unha forma entre un millón" de educar na paz, entendendo como paz, un dereito que debería ser considerado dereito da existencia humana, que afecta a tódolos ámbitos da persoa e que debe entenderse como un proceso dinámico que fai necesario traballar pola paz a cotío para acadala e mantela.

A paz en tódalas materias
Durante a súa intervención, o presidente do SGEP aproveitou para denunciar o feito de que, en dez anos, "a reforma educativa só conseguiu que temas como a paz, a muller ou a discriminación se traten dun xeito tanxencial", mentres que os educadores da paz eles defenden a necesidade de incorporar estos temas non como novas materias curriculares senón de xeito transversal, empapando todos os outros contidos impartidos de tal xeito que cuestións como o maltrato á muller ou o racismo non sexan temas que os profesores abordan un día puntual para, a continuación, "seguir co seu temario".

Tanto Manuel Dios como Calo Iglesias, antigo coordinador do SGEP, destacaron a necesidade de entender que é o conflicto e cales son os recursos didácticos dos que os educadores na paz poden botar man para axudar ós rapaces a facerlles fronte. Así, o conflicto é entendido como necesario, como forza motriz que fai posible os cambios na sociedade e, neste sentido, é tarefa dos educadores é ensinar a solucionalos de xeito pacífico e non utilizando a violencia directa ou a estructural para facelo.

Novos recurso didácticos
En canto ós recursos didácticos, Calo Iglesias ofreceu varios exemplos de recursos pouco empregados para ensinar, como poden ser os contos, o teatro das sombras, o cine ou o teatro infantil. Calo Iglesias é autor de varios libros de contos e de teatro infantil, habitualmente empregados no SGEP como medios para facer entender ós rapaces cales son os valores que se lle queren transmitir,

O I Encontro Internacional sobre Cultura de Paz continuará esta tarde coa intervención da directora do programa de Educación para a Paz do Teachers College, na Universidade de Columbia, Betty Reardon, que abordará o tema da tolerancia como fronteira da paz. Pechará a xornada, Mª Gloria Arenas, co relatorio Escola, violencia e xénero.