----

DOUS NOVOS MANUSCRITOS CAMBIAN A PERSPECTIVA DOS INVESTIGADORES SOBRE SARMIENTO

"Sarmiento é un continente ignorado", afirmou Henrique Monteagudo no transcurso da presentación dos novos achados que o investigador e Secretario do Consello da Cultura Galega, atopou, no marco do proxecto Sarmiento, no Arquivo Xeral da Orde Benedictina no mosteiro de Santo Domingo de Silos (Burgos). Pola súa banda, Alfonso Zulueta, presidente do Consello da Cultura Galega, sinalou que co Proxecto, que pretende recuperar e investigar toda a obra do frade galego, ábrese "unha nova concepción do que se chama a Ilustración española".

Os achados corresponden ó orixinal manuscrito do único libro de tema relixioso coñecido ata o momento dentro da extensa bibliografía do Padre Sarmiento, titulado "Motivos legais que reverentemente expone a la alta censura la Congregación Benedictina de estos reinos". Con el, a Orde Benedictina pretendía disuadir ó Rei da súa pretensión de nomear directamente ós abades dos mosteiros da Orde. O texto non está asinado para protexer ó autor e darlle un carácter oficial.

Xunto a el, atopouse o manuscrito orixinal doutro libro de tema teolóxico descoñecido ata o momento, escritopolo frade arredor de 1742 e asinado de xeito anónimo, titulado: "La Iglesia Romana es la católica columna y fundamento de la verdad". Este achado modifica a perspectiva que os expertos tiñan sobre a obra de Sarmiento, quen semellaba non ter abordado a temática relixiosa na súa obra.

Búsqueda en Nova York

O seguinte paso do Proxecto Sarmiento será a investigación dos fondos da Hispanic Society, en Nova York, no mes de setembro. Henrique Monteagudo sinalou que "sabemos que alí existen manuscritos de Sarmiento, pero aínda ninguén os veu". O investigador agarda atopar novos documentos do autor nos fondos deste arquivo.