NOTICIA

----

O CONSELLO DA CULTURA GALEGA RECUPERA A DIMENSIÓN XORNALÍSTICA DE BLANCO AMOR COA OBRA "CHILE A LA VISTA"

O presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Alfonso Zulueta de Haz, o coodinador da Sección de Comunicación do CCG, Xosé López, e o director da Editorial Galaxia, Víctor Freixanes, presentaron esta mañá en rolda de prensa a reedición da obra de Eduardo Blanco Amor "Chile a la vista". Trátase dunha serie de pezas xornalísticas, reportaxes e crónicas, que o escritor galego fixo durante dúas viaxes a través Chile, en 1949 e 1950, e que publicou no diario chileno "La Hora", xa desaparecido.

Na presentación da obra, editada por primeira vez en 1951 en Chile pola Editorial Pacífico, o presidente do Consello da Cultura Galega destacou a grande importancia de recuperar a faceta xornalística de Blanco Amor, máis coñecido para os lectores galegos pola súa produción literaria formada por obras como "A Esmorga", "Os biosbardos" e "Xente ao lonxe". Así, salientou a "súa agudeza, sensibilidade e talento literario" e a súa perspicacia e actualidade á hora de abordar os temas de interese para o xornalismo da época.

Pola súa banda, o responsable da Sección de Comunicación do CCG, Xosé López, coincidiu nesta valoración e destacou que Blanco Amor constitúe un dos mellores xornalistas galegos e españois do século XX, como amosa a súa produción xornalística en América, a onde emigrou con vinte anos, e Madrid. Esta reedición, segundo sinalou, terá continuidade no futuro coa publicación de varias obras sobre o xornalismo galego, que se centrarán nas colaboracións de Blanco Amor no xornal "La Nación", en autores destacados do xornalismo de opinión galego e nos contidos do que foi o xornal "Galicia".

O director da Editorial Galaxia, Víctor Freixanes, destacou a relevancia de editar "esta pequena xoia da nosa literatura" escrita en castelán. Explicou, neste senso, a importancia de non esquencer a produción literaria en castelán de autores que, como Blanco Amor, escribiron parte da súa obra en neste idioma por circunstancias políticas e históricas, xa que suporía prescindir de pezas fundamentais para entender a súa traxectoria. Freixanes destacou que Blanco Amor foi acollido polos grandes rotativos arxentinos e chilenos como un xornalista novo e culto, interesado en espallar a cultura e identidade galega. Na súa opinión, "Chile a la vista" debe ser considerado un clásico da literatura e do xornalismo galego, "unha obra de magnífico e espléndido xornalismo".

A reedición de "Chile a la vista" conta cun prólogo de Hernán Ortega Parada, da Sociedad de Escritores de Chile, e cunha introducción de Edmundo Moure, do Instituto de Estudios Avanzados de la Universidad de Santiago de Chile. Unhas colaboracións que o Consello da Cultura quixo agradecer na presentación da obra.