----

O CONSELLO DA CULTURA CATALOGA MÁIS DE 3.200 DOCUMENTOS DA COLECCIÓN DO BISPO GUERRA CAMPOS

A Sección de Patrimonio Histórico do Consello da Cultura Galega (CCG) presentou esta mañá o Catálogo da Colección Guerra Campos do Arquivo da Catedral de Santiago de Compostela. Trátase da recompilación en formato electrónico de preto de 3.200 unidades documentais pertencentes ao que fora bispo auxiliar da cidade compostelá e un dos principais coñecedores do tema xacobeo, monseñor Guerra Campos.

O director do Arquivo-Biblioteca da Catedral de Santiago, José María Díaz, e a responsable da obra, Mª Elena Novás, explicaron que o catálogo rexistra e describe a Colección completa de Guerra Campos, formada por 43 caixas que recollen notas tomadas polo bispo auxiliar para a súas obras, recortes de prensa, folletos, obras en soporte microfilme e unha abundante colección de diapositivas de temática arqueolóxica e artística, desde sepulcros paleocristianos ata arquitectura romana e bizantina.

Este conxunto bibliográfico-documental contén principalmente información relacionada cos estudos sobre o tema xacobeo e sobre a Catedral de Santiago, conxunto que o propio Guerra Campos agrupou xenericamente baixo o título "Santiaguismo". "Estes documentos e notas, sinalou Díaz Fernández, son froito do seu traballo como coengo-relicario, como membro do equipo de escavacións da Catedral e da Praza da Quintana, e como secretario do cardenal Quiroga". Guerra Campos está considerado un dos máis destacados e incansables investigadores do feito xacobeo, polo que a catalogación da súa Colección pretende ser un tributo á súa importante labor e á súa calidade intelectual.

Preservación e difusión

O coordinador da Sección de Patrimonio Histórico, Eduardo Pardo de Guevara, destacou que este catálogo "constitúe un instrumento de traballo de enorme utilidade" que está en formato electrónico para o seu maior aproveitamento por parte dos investigadores e estudosos. Opinión que comparte o presidente do CCG, Alfonso Zulueta de Haz, quen destacou que esta iniciativa segue na liña de traballo da institución de "analizar cantas cuestións se refiran ao patrimonio cultural galego, nas súas diversas facetas e niveis, atendendo á súa preservación, ao seu estudo, á súa valorización e á súa difusión".

Por último, o deán da Catedral, Manuel Calvo Tojo, agradeceu a colaboración do Consello da Cultura Galega co Arquivo catedralicio desde fai máis de tres ano para a organización, descrición e difusión dos seus fondos. Froito desta colaboración, no ano 2002 realizouse un catálogo similar ao presentado hoxe da Colección López Ferreiro, ao que lle seguiu en 2003 a realización do catálogo dos manuscritos do Arquivo da Catedral de Santiago. Esta colaboración está previsto que continúe agora coa catalogación da serie "Varia", integrada por máis de 260 documentos que abarcan desde pergameos medievais ata textos do século XVIII.

Os catálogos da Colección, que está ubicada físicamente na Sala de Investigadores do Arquivo da Catedral, serán proximamente postos a disposición dos interesados na web da institución para un mellor aproveitamento e difusión destes fondos.