----

O CONSELLO DA CULTURA PRESENTA ESTE MARTES O "LIBRO BRANCO DE CINEMATOGRAFÍA E ARTES VISUAIS"

O Consello da Cultura Galega (CCG) presentará este martes, día 15, o "Libro branco de cinematografía e artes visuais en Galicia". Con esta obra, O CCG pretende achegarse ao fenómeno da creación audiovisual desde a vertente económica e cultural e coñecer e valorar as necesidades culturais do pobo galego no ámbito das artes visuais. Este achegamento a un sector clave pretende facerse tendo en conta aos axentes implicados: creadores, promotores, mediadores e investigadores.

Este traballo foi realizado pola Comisión Técnica de Cinematografía e Artes Visuais da Sección de Artes Plásticas do CCG e na súa elaboración participaron expertos na materia como Jaime Pena, Isabel Sempere, Xosé Nogueira, Miguel Anxo Fernández, Pepe Coira, Raúl Veiga e J. Mª Folgar de la Calle. Na rolda de prensa participarán o presidente do CCG, Alfonso Zulueta de Haz, e o coordinador da Sección de Artes Plásticas, Iago Seara

- Lugar: salón de actos do Consello da Cultura Galega. Pazo de Raxoi. Santiago de Compostela

- Hora: 12:00