----

O LIBRO BRANCO DE CINE E ARTES VISUAIS APOSTA POR IMPULSAR NOVAS TRANSFORMACIÓNS NO SECTOR

O Consello da Cultura Galega (CCG) presentou esta mañá en Santiago de Compostela o "Libro branco de cinematografía e artes visuais en Galicia", unha obra que pretende achegarse ao fenómeno da creación audiovisual desde a vertente económica e cultural e coñecer e valorar as necesidades culturais do pobo galego no ámbito das artes visuais.

No acto de presentación, o presidente do CCG, Alfonso Zulueta de Haz, destacou que se trata dun libro "ideado para reflexionar sobre a relevancia do sector audiovisual, a súa omnipresencia na nosa sociedade e polo tanto a súa importancia decisiva na realización cultural e como motor da economía". Zulueta tamén salientou a súa confianza en que este documento "axude a impulsar novas transformación do audiovisual galego".

O libro, froito de máis de tres anos de traballo, foi realizado pola Comisión Técnica de Cinematografía e Artes Visuais da Sección de Artes Plásticas do CCG. O seu coordinador, Iago Seara, sinalou no acto de presentación que a a obra "é unha reflexión desde a historia do cinema en Galicia e dos seus profesionais, que procura centrarse na importancia do sector audiovisual para a creación da nosa identidade e o mantemento do noso patrimonio cultural".

Creadores, mediadores e receptores

O proxecto foi concibido en tres bloques. O primeiro deles aborda de man de Jaime Pena, Isabel Sempere e Xosé Nogueira o ámbito dos creadores: os profesionais, as empresas de produción, os produtos, as temáticas e as relacións con outras áreas culturais. Un segundo bloque deste libro branco céntrase nos mediadores entre a cración e o público. Así, Isabel Sempere analiza o papel da Administración no fomento e apoio á creación audiovisual; Miguel Anxo Fernández achega os seus coñecementos sobre a historia e situación actual da distribución e a exhibición cinematográfica en Galicia; Pepe Coira fai un percorrido pola creación audiovisual nas televisións asentadas na Comunidade e Raúl Veiga aborda a situación da lingua galega nestes productos. Por último, José María Folgar fai un percorrido pola historiografía e a investigación sobre o audiovisual galego, amosando a súa relevancia no marco español.

Para completar este documento está prevista a publicación en forma de anexo dun terceiro bloque referido á recepción dos productos audiovisuais. Este apartado intentará esclarecer, a través de enquisas e grupos de discusión, cales son os gustos do público galego e cal é o grao de identificación cos nosos produtos audiovisuais.

Construción da identidade

Iago Seara destacou que hoxe o sector audiovisual "pasou a converterse nunha actividade estratéxica, tendo diante a posibilidade de transformarse nunha importante industria da nosa Comunidade. Pero máis aló dos feitos económicos, a verdadeira importancia da creación audiovisual é a súa implicación no mantemento e evolución da cultura galega". Para o responsable do proxecto, "é indubidable que o audiovisual representa no novo milenio a cultura dun pobo e certamente o pobo galego necesita do seu audiovisual para a construcción da súa propia identidade".

En representación dos expertos que participaron na elaboración do documento, o director Raúl Veiga salientou a súa confianza en que o audiovisual galego se acabará consolidando, aínda que advirte que a verdadeira batalla na que se decidirá a presenza do galego no audiovisual será na televisión. Así destacou o papel da Televisión de Galicia como motor das producións galegas. En canto ao polémico tema das axudas das Administracións a este sector, este director destacou a necesidade de que existan para conseguir o despegue definitivo do sector.

O "Libro branco de cinematografía e artes visuais en Galicia" está dispoñible de xeito gratuíto para todos os interesados na web da institución, en http://www.consellodacultura.org