----

O CONSELLO DA CULTURA PRESENTA ESTE LUNS UN LIBRO SOBRE A OBRA DE LORENZO VARELA NO EXILIO EN AMÉRICA

A Sección de Comunicación do Consello da Cultura Galega (CCG) presentará este luns, día 16 de maio, o libro "Lorenzo Varela en revistas culturais de México e Bos Aires". Coa publicación desta obra, a institución quere homenaxear ao escritor e xornalista galego ao que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas.

A obra recupera e analiza os artigos que Lorenzo Varela publicou en sete relevantes revistas literarias durante o seu exilio en México e Arxentina. Esta achega permite perfilar a personalidade dun autor ata agora relativamente esquecido e constatar os problemas e inquedanzas dos refuxiados galegos a raíz da Guerra Civil española.

No acto de presentación participarán o presidente do Consello da Cultura Galega, Alfonso Zulueta de Haz, o coordinador da Sección de Comunicación e vicepresidente da institución, Xosé López, e María Antonia Pérez, coordinadora da obra xunto a Xosé López e Rosa Aneiros.

- Lugar: salón de actos do CCG. Pazo de Raxoi, 2º Andar
- Hora: 12:30