NOTICIA

----

O PROFESOR CARLOS ZUBILLAGA REIVINDICA E DOCUMENTA NO SEU LIBRO "CASTELAO Y URUGUAY" A IMPORTANCIA DAS RELACIÓNS DO GALEGUISTA COA COLECTIVIDADE URUGUAIA

Alfonso R. Castelao mantivo unha relación prolongada no tempo coa sociedade uruguaia, a través de amizades, de contactos co colectivo emigrante ou dos derivados da circulación da súa obra plástica e literaria. Esas relacións explicarían, en parte, a fundación do "Consello de Galiza", o 15 de novembro de 1944, no sobrado da Casa de Galicia en Montevideo. O profesor Carlos Zubillaga documenta estas e outras afirmacións no seu libro "Castelao y Uruguay. Etapas de una relación entrañable", que hoxe foi presentado no Consello da Cultura Galega (CCG).

O libro contribúe ao mellor coñecemento da peripecia humana de Castelao e chama a atención sobre a necesidade de ampliar os vínculos do autor de "Sempre en Galiza" no escenario rioplatense, tendo en conta o feito de que, ata agora, esas relacións adoitaban centrarse nas referencias ao exilio bonaerense da década do 1940.A respecto do Consello de Galiza, o autor precisa: "El tema del lugar en que se fundó ha provocado una controversia implícita entre memorialistas e historiadores. Isaac Díaz Pardo y Abraira (y con ellos buena parte de la historiografía gallega que abordó el punto) señalan que el Consello se constituyó "privadamente" en la casa de Manuel Puente, en Buenos Aires, haciendo figurar el acta como suscrita en Montevideo en razón de las particulares condiciones políticas de Argentina". Paz Andrade, en cambio, afirmou: "Si ben a xestación do Consello de Galiza se preparou en Bos Aires, para a súa constitución cumpría escoller outro esceario. Máis afín á natureza democrática do acto. E foi preferido Montevideo, onde a Casa de Galicia e a Irmandade Galeguista organizaron o acto no domicilio social da primeira".

Carlos Zubillaga é profesor titular de Teoría e Metodoloxía da Historia e Director do Departamento de Historioloxía, na Facultade de Humanidades e Ciencias da Educación, da Universidade da República, en Montevideo (Uruguai) e un recoñecido investigador do galeguismo político e, particularmente, da súa proxección americana. Ese aspecto foi salientado tamén polo historiador Xosé Manuel Núñez Seixas, membro do Arquivo da Emigración Galega, do CCG, e Henrique Monteagudo, secretario da institución. O acto tivo un momento especialmente emotivo para o profesor Carlos Zubillaga, descendente de galegos, e foi cando deu lectura ao parágrafo evocador do día que coñeceu a Castelao, o 4 de xullo de 1945, cando contaba pouco máis de catro anos.