----

A TERTULIA MENSUAL DO CCG ABORDA A RELACIÓN ENTRE LITERATURA E EXILIO DESDE A FIGURA DE LORENZO VARELA

A Sección de Literatura e Industrias da Edición do Consello da Cultura Galega (CCG) celebrará este mércores, día 27, a súa tertulia mensual baixo o título "Literatura e exilio". O escritor e xornalista Tucho Calvo, membro da sección, conducirá o encontro, que contará coa participación dos escritores Marga Romero Lorenzo (Marga do Val), Carlos López Bernárdez, Antón Lopo e Gregorio Ferreiro Fente, os tres últimos destacados expertos na figura de Lorenzo Varela.

Os tertulianos abordarán a relación existente entre a creación literaria e os propios escritores co exilio, en como a ausencia obrigada da terra de orixe está presente ou condiciona a obra dos intelectuais que padeceron este desterro. O interese por abordar este tema dun xeito específico nace da elección de Xesús Lorenzo Varela como homenaxeado do Día das Letras Galegas, que se celebrarán o vindeiro 17 de maio. Este escritor e xornalista é un exemplo representativo do exilio de intelectuais galegos na dictadura e a recuperación da súa figura constitúe unha excelente oportunidade para achegármonos á relación entre a literatura e o exilio.

Por este motivo, algúns dos escritores que participarán na tertulia do CCG teñen realizado estudos no último ano sobre Lorenzo Varela. Carlos López, autor de "Lorenzo Varela, vida e obra" (Xerais), é o primeiro estudoso da súa obra literaria galega e un dos investigadores máis destacados do seu labor como crítico de arte. Xosé Gregorio Ferreiro, filólogo sociolingüista e investigador ten publicado "Homenaxe. Sesenta e seis escritores falan de Lorenzo Varela (florilexio de textos sobre a vida, a obra e o home)" (Edicións do Castro). Pola súa banda, Antón Lopo desenvolve unha traxectoria multidisciplinar que abrangue distintos xéneros literarios e ten publicado recentemente "As tres mortes de Lorenzo Varela" (Galaxia). Xunto a eles estará Marga Romero Lorenzo (Marga do Val), profesora de Ensino Medio de Lingua e Literatura Galegas e autora de narrativa, poesía e ensaio.

Esta tertulia continúa o ciclo iniciado o ano pasado polo CCG e no que ata o momento participaron escritores como Xesús Alonso Montero, Urbano Tavares e Anxos Sumai e no que se abordaron temas como as novas narradoras, o libro galego, a tradución, a creación na Rede e o significado do Día das Letras Galegas. Como en anteriores ocasións, a tertulia estará aberta ás achegas dos interesados en participar nela e será gravada para posteriormente pór a disposición dos usuarios en Lg3, o soportal de literatura de culturagalega.org. O seu enderezo é: http://www.culturagalega.org/lg3/lg3_tertulia.php- Lugar: biblioteca do CCG. Pazo de Raxoi, 2º Andar- Hora: 17:00