----

O CONSELLO DA CULTURA GALEGA ACOLLE ESTE VENRES UN SEMINARIO SOBRE OS RETOS DA UNIVERSIDADE PÚBLICA

O Consello da Cultura Galega (CCG) acollerá este venres, 15 de abril, a partir das 09´30 horas, unha xornada de reflexión e debate sobre "A POLÍTICA NEOLIBERAL PARA O ENSINO SUPERIOR: RETOS PARA A UNIVERSIDADE PÚBLICA".

No seminario, estructurado en sesións de mañá e tarde, participarán como relatores once expertos e investigadores da realidade universitaria galega, española e portuguesa, entre os que figuran Carlos Berzosa, rector da Complutense de Madrid, e Alberto Amaral, director do Centro de Investigación sobre Políticas de Ensino Superior da Universidade de Porto (Portugal).

A educación superior como campo de negocio; o gasto universitario e o financiamento público; as políticas de calidade; a internacionalización, competencia e privatización; a investigación científica e o mercado e a xestión de persoal e criterios de mercado son os aspectos dos que tamén se ocuparán Xavier Vence, Alfonso García Tobío, Juan Carlos Pardo, Gonzalo Rodríguez, Manuel González, Francisco Díaz-Fierros, Felipe Casanueva e Alba Nogueira, da Universidade de Santiago, e José Luís Armesto, da Universidade da Coruña.

Organizada pola Sección de Economía do Seminario de Estudos Galegos en colaboración coa Concellaría de Educación do Concello de Santiago de Compostela e o CCG, a xornada é de asistencia libre.