----

O MÚSICO PABLO CARPINTERO CEDE AO CONSELLO UNHA COLECCIÓN DE 325 HORAS DE MÚSICA TRADICIONAL

O músico Pablo Carpintero Arias acaba de ceder ao Arquivo Sonoro de Galicia, do Consello da Cultura Galega, unha colección de 325 horas de gravacións sonoras, principalmente de música instrumental, de gaiteiros e cantos de reis. O acto de sinatura da cesión tivo lugar este mércores na sede do CCG coa asistencia de Pablo Carpintero, do coordinador do Arquivo Sonoro de Galicia, Rodrigo Romaní, do xerente da institución, Antonio Montero, e de Luis Costa, membro da Comisión Técnica do Arquivo Sonoro e musicólogo recoñecido.

Pablo Carpintero é un do artistas máis coñecidos en Galicia no ámbito da investigación musicolóxica tradicional, do folclore e da gaita, sendo un dos promotores do grupo musical Ultreia. Da colección cedida, Rodrigo Romaní destaca que se trata "da colección máis importante de música instrumental tradicional de Galicia", na que o traballo de campo, realizando ao longo de toda a xeografía galega durante moitos anos, está perfectamente catalogado xa que cada gravación está acompañada dunha ficha cos datos propios do traballo de recolleita.

A cambio desta doazón, o Consello da Cultura Galega comprométese a garantir a preservación destes fondos procedendo á súa dixitalización. As gravacións sonoras de Pablo Carpintero pasaranse a formato dixital no prazo máximo dun ano, entregándose o orixinal e unha copia das mesmas ao seu propietario unha vez rematado este proceso. O material poderá ser consultado no Arquivo Sonoro de Galicia e empregado exclusivamente para investigacións musicolóxicas, sempre que non sexa para fins comerciais.

Esta iniciativa enmárcase dentro do filosofía de traballo do CCG que, de acordo coa súa lei fundacional, ten como obxectivo a promoción e defensa da cultura e da lingua galega. Para cumprir estas liñas de actuación, creouse o Arquivo Sonoro de Galicia, que recupera, preserva e divulga o patrimonio sonoro galego. Romaní destaca neste senso que "esta cesión continúa a liña iniciada hai uns anos polo Arquivo de incorporar material de traballo de campo relacionado coa música tradicional, e que tivo os seus primeiros froitos na cesión que fixo Dorothè Schubarth de material do seu arquivo".