----

A SOCIEDADE GALEGA DE TERMINOLOXÍA INICIA AS SÚAS ACTIVIDADES CUNHA CONFERENCIA DE Mª TERESA CABRÉ

A presidenta da Asociación Española de Terminoloxía, M.ª Teresa Cabré Castellví, pronunciará este mércores, día 8, ás 18:30, unha conferencia na sede do Consello da Cultura Galega (CCG) baixo o título "Xestión terminolóxica das linguas minorizadas: presentación xeral e algúns apuntamentos sobre o galego". O acto, no que colabora a Sección de Lingua do CCG, está organizado pola Sociedade Galega de Terminoloxía (SGaT) para presentar as súas actividade para este ano, a súa páxina web e diverso material informativo.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

Continuando o camiño encetado no I Simposio Galego de Terminoloxía, a conferencia desta prestixiosa investigadora afondará en cuestións relacionadas coa xestión terminolóxica en contexto de minorización. Na súa análise tomará como base a exitosa experiencia catalá, mais tratará tamén o caso galego, o que reforza o seu compromiso coa terminoloxía galega.

Esta conferencia inaugural enmárcase dentro dos obxectivos da Sociedade Galega de Terminoloxía de facilitar o coñecemento e a cohesión entre as persoas relacionadas coa terminoloxía en Galicia, propiciar o intercambio de informacións e coñecementos neste eido, promover accións formativas e axudar a difundir a terminoloxía galega.

LONGA TRAXECTORIA

A profesora Teresa Cabré é unha recoñecida defensora da disciplina terminolóxica en todos os ámbitos institucionais europeos e iberoamericanos. É catedrática de Lingüística e Terminoloxía da Universitat Pompeu Fabra e actualmente ocupa a Presidencia da Asociación Española de Terminoloxía e é membro do Consello Consultivo da Asociación Europea de Terminoloxía, ademais de membro numerario do Institut de Estudis Catalans. É membro fundador e presidenta da Rede Panlatina de Terminoloxía Realiter, membro de RITerm (Rede Iberoamericana de Terminoloxía) e do grupo de léxico da European Linguistic Research Association.

Ao seu elevado perfil académico engádese unha ampla experiencia en xestión. Foi a primeira directora Termcat (centro catalán de terminoloxía) entre 1984 e 1988, do Servei de Llengua Catalana de la Universitat de Barcelona entre 1989 e 1993 e do Institut Universitari de Lingüística Aplicada da Universitat Pompeu Fabra ata 2004. A súa curiosidade e inquedanza intelectual levárona, entre outras actividades, a fundar e dirixir un grupo de investigación especializado en terminoloxía Iulaterm e outro especializado en neoloxía Obneo. O froito da súa carreira investigadora son máis de 12 monografías e un centenar de artigos científicos en revistas españolas e internacionais.