----

O PAPEL DA EMIGRACIÓN NO PASADO E NA ACTUALIDADE, TEMA DE DEBATE NA EDICIÓN DESTE ANO DAS XORNADAS MAR POR MEDIO

O Concello lucense de Ribadeo e o Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega celebrarán do 19 ao 22 de xullo a XIII edición das xornadas "Mar por medio" baixo o título "A parroquia de acolá". O encontro contará coa participación de destacados investigadores que abordarán a historia da emigración galega e o papel que xoga hoxe e pode xogar no futuro do noso país.

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2005.- O Concello lucense de Ribadeo e o Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega celebrarán do 19 ao 22 de xullo a XIII edición das xornadas "Mar por medio" baixo o título "A parroquia de acolá". O encontro contará coa participación de destacados investigadores que abordarán a historia da emigración galega e o papel que xoga hoxe e pode xogar no futuro do noso país.

O director do Arquivo da Emigración, o profesor Ramón Villares, destaca o valor desta xornadas e do seu programa, xa que, sinala, "ofrecen unha visión moi actualizada do que foi o fenómeno migratorio e do que significa hoxe en día, abordando temas de tanta actualidade agora como o voto emigrante".

O encontro comezará na localidade lucense o martes 19 de xullo con dúas conferencias introductorias sobre os eixes das xornadas: o fenómeno migratorio galego e a relación entre a emigración galega e a asturiana. Así, o director do Arquivo da Emigración Galega, Ramón Villares, falará sobre "A emigración galega e os seu retornos" e Francisco Erice sobre "As características da emigración galega e asturiana".

Os días seguintes destacados investigadores, como Pilar Cagiao, Ana Varela, Nancy Pérez, J. Pan Montojo, Xosé Manuel Núñez Seixas, Antón Costa e Plácido Lizancos abordarán diferentes aspectos da emigración e do exilio galego en América e os froitos desta diáspora. A presenza e a imaxe dos galegos en Arxentina, Cuba, Uruguai e Estados Unidos será analizada xunto a aspectos como as escolas de emigrantes, as casas de indianos ou as sociedades dos emigrantes galegos.

O último día de traballo, os investigadores Raúl Soutelo e Juanco López achegaranse ao fenómeno migratorio desde un punto de vista máis humano, a través das cartas dos galegos e asturianos na diáspora. Por último, o encontro será aproveitado tamén para analizar o voto emigrante e as perspectivas de futuro da emigración de man de persoeiros como Víctor F. Freixanes, Xosé Luís Barreiro e Xabier Ferreira. O obxectivo e xerar un debate sobre o papel que xoga na actualidade a emigración en Galicia, sobre o seu futuro e sobre como pode ser aproveitable para o desenvolvemento e a proxección exterior da Comunidade. Como despedida, os asistentes desfrutarán dun concerto a cargo da Coral Polifónica de Ribadeo.

O responsable do programa, o profesor Lourenzo Fernández Prieto, destaca que con este programa pretendeuse dar unha visión o máis ampla posible do fenómeno migratorio, abordando desde o cadro xeral da emigración ata perspectivas de xénero ou a emigración asturiana. Unha opinión compartida pola concelleira de Cultura do Concello de Ribadeo, Mariluz Álvarez, quen salientou que estas xornadas pretenden recuperar o seu papel referencial das súas primeiras edicións contando coa axuda de institucións como o CCG.

Máis información en: http://www.consellodacultura.org