----

A CANDIDATURA GALEGO-PORTUGUESA A PATRIMONIO DA HUMANIDADE ENTRA NA RECTA FINAL CUNHA GRANDE FESTA DA TRADICIÓN ORAL

A vila portuguesa de Melgaço acollerá os vindeiros días 3, 4 e 5 de xuño un gran encontro popular baixo o lema "Galicia e Norte de Portugal: un patrimonio para o futuro". Durante unha fin de semana, os promotores da Candidatura de Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués a Patrimonio da Humanidade pola Unesco darán a coñecer e promocionarán a súa proposta cun macroprograma de actividades de música tradicional, gastronomía, artes e oficios, teatro, etc que implicará a máis de trescentas persoas e músicos arraigados na tradición oral galega e portuguesa.

O presidente da Asociación Cultural "Ponte nas Ondas", Santiago Veloso, o presidente do CCG, Alfonso Zulueta de Haz, o secretario xeral de Relacións coa UE e Acción Exterior da Xunta, Jesús Gamallo, e o membro de Gaiteiros da Xistra, Xerardo Santomé, presentaron polo miúdo esta mañá en Santiago o encontro.

A Candidatura galego-portuguesa é promovida pola Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte...nas ondas! e conta co apoio de entidades e institucións de Portugal e Galicia, como o Consello da Cultura Galega. A proposta foi presentada formalmente na UNESCO polos gobernos de Portugal e de España en outubro e a resolución está prevista para novembro. Mentres ese momento chega, as entidades promotoras están levando a cabo numerosas actividades para dar a coñecer a súa Candidatura.

MACROPROGRAMA

O programa de actos en Melgaço desenvolverase durante toda unha fin de semana en numerosos espazos da vila, nas súas prazas, rúas e edificios máis destacados. Haberá obradoiros e mostras de oficios e xogos tradicionais portugueses e galegos, demostracións gastronómicas dos dous países, xigantes e cabezudos polas rúas, teatro popular, etc. Esta parte lúdica estará acompañada por diferentes exposición e proxeccións que explicarán os oficios tradicionais en Galicia e Norte de Portugal e as festas compartidas entre as dúas zonas, entre outros aspectos.

As dúas primeiras xornadas do evento, o venres e o sábado, os actos rematarán cun Festival da Tradición Oral. O primeiro día este festival versará sobre a tradición oral nas festas e contará coa participación de músicos tradicionais, como A Quenlla e os Gaiteiros da Xistra. Os romances de cegos, as regueifas, as melodías do norte e do sur do Miño e os gaiteiros será algunhas das tradicións homenaxeadas. O sábado, o festival terá como protagonista aos ciclos do ano, da vida e do traballo e contará con representacións sobre os maios, a coresma, o nadal ou as vodas, por exemplo.

En conxunto, Xerardo Santomé, membro de Gaiteiros da Xistra e encargado dos eventos musicais das xornadas, sinala que a iniciativa traerá aos escenarios a máis de trescentas persoas e músicos que conservan o patrimonio oral, uns xente descoñecida e outros músicos que destacan polo seu traballo neste campo, como A Quenlla, os Gaiteiros da Xistra e Augusto "Canário", levando mostras representativas da cultura oral e servindo de escaparate para proxectos de recuperación.

Santiago Veloso destaca que o obxectivo final deste encontro é conseguir, na recta final da candidatura, que un concepto en principio abstracto, como o patrimonio oral, sexa visto como algo tanxible e real. "Que a Unesco coñeza como o patrimonio oral galego-portugués está aínda vivo pero en risco de transmisión ás novas xeración e polo tanto de desaparición", dúas das condicións que a Unesco poñía ás Candidaturas para a súa consideración.

Da importancia desta iniciativa e da Candidatura galego-portuguesa, o presidente do CCG, Alfonso Zulueta de Haz, destaca que "a cultura tradicional, oral e inmaterial, vive baixo a ameaza do esquecemento ou a desconsideración e tamén baixo o impacto das novas expresións culturais e das novas formas e técnicas de comunicación", por elo, sinala, "a importancia de chamar a atención sobre a necesidade de preservar, salvagardar e transmitir a cultura común ás dúas beiras do río Miño".

Pola súa banda, o secretario xeral de Relacións coa UE e Acción Exterior da Xunta, Jesús Gamallo, reafirma o apoio do Goberno galego a esta iniciativa e destaca o feito de que "a unión cultural entre Galicia e Portugal é unha das asignaturas pendentes dentro do marco de cooperación entre os dous países", que desde fai anos traballan activamente en aspectos económicos e materiais.

O primeiro día de actividades e para apoiar a Candidatura, a Cámara Municipal de Melgaço fará unha presentación da proposta galego-portuguesa na que participarán a ministra de Cultura de Portugal, Isabel Pires de Lima, o secretario xeral das Relación coa UE e Cooperación Exterior da Xunta, Jesús Gamallo, o presidente da Cámara de Melgaço, Rui Solheiro, e o presidente de Ponte... nas ondas!, entidade promotora da Candidatura.

Completa información sobre a Candidatura e as xornadas en:http://www.pontenasondas.org