----

O CONSELLO DA CULTURA PRESENTA MAÑÁ AS XORNADAS "NATUREZA E CULTURA. A CONSERVACIÓN DA BIODIVERSIDADE"

O Consello da Cultura Galega (CCG) presentará este martes, 21 de xuño, as xornadas "NATUREZA E CULTURA. A CONSERVACIÓN DA BIODIVERSIDADE GALEGA", que se celebrarán os días 29 e 30 de xuño no castelo de Santa Cruz, en Oleiros (A Coruña). Estas Xornadas pretenden reflexionar sobre o status actual da biodiversidade, propor medidas para garantir a súa conservación e restauración, así como divulgar experiencias neste ámbito. Para elo contarán con expertos na materia procedentes de destacadas institucións que traballan neste ámbito, como o Ministerio e a Consellería de Medio Ambiente e diversos centros e institutos de investigación.

O encontro está organizado polo CCG coa colaboración do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA). A rolda de prensa terá lugar ás 12´00 horas no salón de actos da institución e contará coa presenza de Francisco Díaz Fierros, vicepresidente do CCG e coordinador da súa Sección de Ciencia, Técnica e Sociedade, e Carlos Vales, coordinador das xornadas, membro da Sección organizadora e director do CEIDA.

· Hora: 12:00
· Lugar: salón de actos do Consello da Cultura Galega. Pazo de Raxoi, 2º Andar. 15705 Santiago de Compostela