----

DESTACADOS ARQUITECTOS ANDALUCES COMPARTEN DESDE MAÑÁ TRES DÍAS DE DEBATE CON PROFESIONAIS GALEGOS

A Sección de Arquitectura do Consello da Cultura Galega (CCG) celebrará desde este xoves e ata o vindeiro sábado, días 16, 17 e 18 de xuño, as xornadas "A Arquitectura desde Andalucía", coas que se pretende ofrecer por primeira vez en Galicia unha ampla visión da arquitectura nesta Comunidade. Destacados arquitectos, críticos e investigadores andaluces compartirán con profesionais galegos tres días de debate e reflexión sobre as súas traxectorias profesionais e sobre os seus coñecementos e opinións arredor da arquitectura. A inauguración do encontro, a cargo de Alfonso Zulueta de Haz, presidente do CCG, e dos coordinadores das Xornadas, Víctor Pérez Escolano e Iago Seara, terá lugar ás 10:00 horas no salón de actos da institución.

Esta iniciativa inscríbese nun amplo proxecto da Sección de Arquitectura do CCG, que está analizando pormenorizadamente a paisaxe de distintos focos de especial relevancia na Península. Deste xeito, celebráronse diferentes xornadas sobre a arquitectura en Lisboa, Cataluña, País Vasco, Navarra e Madrid, traendo a primeiras figuras da arquitectura nesas comunidades.

No caso concreto de Andalucía, as Xornadas afondarán na definición do carácter de área cultural do sur peninsular, na súa personalidade heteroxénea e diversa froito das diferentes tendencias e escolas que existen nas provincias desta Comunidade. Unha sorte de espazo complexo, sempre nun constante proceso de evolución cultural que a Sección de Arquitectura do CCG non podía deixar de subliñar.

O encontro, coordinado por Víctor Pérez Escolano e Iago Seara, contará coa participación de prestixiosos profesionais de diversas zonas e xeracións co obxectivo de ofrecer unha visión tanto histórica como actual da arquitectura andaluza. Juan Domingo Santos, Ramón de Torres, Ramón Pico, Javier López, o equipo Cruz & Ortiz, Guillermo Vázquez Consuegra ou José Morales Sánchez, entre outros, aportarán pautas para coñecer e analizar o pasado, presente e futuro desta paisaxe, cultural, arquitectónica e contemporánea, de Andalucía.

Completa información, programa, galería de fotos e inscrición gratuíta en: http://www.consellodacultura.org