----

O CCG E O MUSEO DO MAR LEMBRAN A FAZAÑA DO PRIMEIRO BARCO ESPAÑOL DE INVESTIGACIÓN PESQUEIRA

O Consello da Cultura Galega e o Museo do Mar de Galicia presentaron esta mañá en Vigo unha obra que lembra a fazaña dos primeiros barcos de investigación pesqueira que existiron en España. Trátase da edición facsímile das dúas institucións da obra "Instruccion sucinta provisional, que deberan observar las embarcaciones destinadas al descubrimiento de nuevos comederos, placeres, ó bancos de pesca de altura en los mares de los dominios del Rey".

O presidente do CCG, Alfonso Zulueta de Haz, explica que esta Instruccion recolle a acción, singularmente importante e cobizosa, de dous barcos, de nomes Descubridor e Explorador, armados no reinado de Carlos III pola Real Compañía Marítima, empresa pesqueira galega fundada por Antonio Sáñez Reguart e Joaquín Hijosa, protexida polo conde de Floridablanca, para a investigación de novos caladoiros e a experimentación de artes de captura nos mares de Galicia.

"Por primeira vez en España, e quizais en Europa, un barco, o Descubridor, era armado exclusivamente para a investigación e a experimentación pesqueiras, no ano 1788, e deste xeito Galicia pasaba a ser a pioneira nestes ámbitos, respondendo así á súa tradición mariñeira, un fito pioneiro e memorable na historia da actividade pesqueira de Galicia", salienta Zulueta de Haz.

EXPULSIÓN DOS CALADOIROS

Para entender o xurdimento destas primeiras expedicións de investigación pesqueira hai que remontarse ao Tratado de Utrecht (1713), cando España foi expulsada dos caladoiros tradicionais de Terra Nova e do mar do Norte, polo que foi especialmente gravoso recorrer á importación do bacallau, alimento entón de primeira orde. A partir dese momento fíxose indispensable fomentar as pesqueiras locais, especialmente as que puidesen substituír nas súas preparacións «conservadas» tanto o bacallau curado do mar do Norte e de Terra Nova coma o arenque afumado nórdico. Nesta misión traballaba a Real Compañía Marítima, que era a expresión en Galicia dunha política de Estado directamente emanada do Real Consejo de Castilla, para conseguir a substitución das importacións de bacallau e arenque afumado polo abadexo, a pescada e a sardiña, buscando as técnicas de conservación no tempo destas especies.

Javier López Linage, do Consejo Superior de Investigaciones Científicas, e responsable xunto a Juan Carlos Arbex da edición comenta, explica que cando xa o Descubridor estaba a piques de partir á súa expedición para descubrir novos caladoiros recibiu "no ultimísimo momento unha flamante e minuciosa Instruccion que regulamenta a misión, encomendada en principio só ao Descubridor".

Esta Instruccion foi impresa a finais de outubro de 1788, facéndose douscentos exemplares encadernados en «papel xaspeado». Esta primeira edición é precisamente a que constitúe o obxecto principal do libro presentado esta mañá en Vigo. Ademáis da reprudución facsímile, a obra conta cunha amplia explicación de López Linage sobre o fomento da pesqueiras setentrionais e o Descubridor, coa reprodución do Diario de Navegación do barco, feito polo seu capitán, Bernardo Asteazuinzarra, cunha descrición da embarcación, realizada por Juan Carlos Arbex, e cun pequeno glosario de termos náuticos.

ESPÍRITO ILUSTRADO

Esta Instruccion recolle ademais o espírito da Ilustración en España. O presidente da Fundación Museo do Mar de Galicia, Francisco López Peña, que estivo acompañado na presentación da obra polo director do Museo do Mar, Pablo Carrera, explica como o século XVIII no que foi redactado este documento é o século das grandes exploracións marítimas e da tentativa de ampliar o coñecemento científico e aplicalo para mellorar os métodos de captura, a industria pesqueira, as especies ou a conservación dos recursos.

López Peña sinala que no caso da Instruccion cómpre destacar o método de mostraxe, cunha grella sistemática moi semellante ás que se utilizan actualmente nas campañas de investigación oceanográfica, deseñadas segundo as técnicas máis recentes de análise estatística e por medio de computadores. "Este rigor nos métodos pero tamén o toque exquisito nos detalles, como demostran os gravados da publicación, fan destas obras un tesouro do noso acervo, do noso pasado", salienta.

Proximamente, a publicación estará dispoñible para a súa descarga na web da institución.