----

O CONSELLO DA CULTURA GALEGA CELEBRA UN OBRADOIRO DE CRÍTICA DE ARQUITECTURA CONTEMPORÁNEA

A Sección de Arquitectura do Consello da Cultura Galega (CCG) celebrará este mércores, xoves e venres, días 6, 7 e 8 de xullo, un obradoiro sobre crítica de arquitectura contemporánea. Este taller, coordinado por Maurici Pla, abordará a posibilidade de crear unha crítica da arquitectura contemporánea que reconsidere os métodos e os instrumentos empregados na súa realización, que esclareza as relacións entre a arquitectura e a sociedade na que xorde, e que inscriba os acontecementos contemporáneos no marco dun progreso máis xeral da historia da arquitectura.

Co obxectivo de afondar nestes e noutros aspectos, o taller, de carácter principalmente práctico e participativo, contará coa presenza de tres destacados profesionais nestas áreas. O primeiro día do Obradoiro, Maurici Pla, profesor de Teoría e Historia de la Arquitectura da Universidade Politécnica de Cataluña, ofrecerá unha visión global sobre a arquitectura contemporánea. O segundo día, Llàtzer Moix, director da Sección de Cultura do xornal "La Vanguardia", falará desde a súa experiencia profesional sobre a divulgación da arquitectura nos medios de comunicación e, finalmente, Francisco Jarauta, catedrático de Filosofía da Universidade de Murcia, pechará este venres o taller reflexionando sobre o concepto da crítica.

A proposta de realizar este obradoiro enmárcase dentro da concepción xeral de que a arquitectura do noso tempo presenta unha vitalidade que excede a capacidade de análise dos instrumentos críticos tradicionais. Así, desde hai máis de dúas décadas, a produción arquitectónica está acompañada sistematicamente de discursos operativos e ideolóxicos que se fusionan cos fluxos de informacións cada vez máis estendidos, e sobre todo cunha confusión xeneralizada sobre os límites entre a realidade e a ficción.

O taller, no que participarán unha vintena de profesionais, principalmente do ámbito da arquitectura e da historia da arte, celebrarase en horario de 16:30 a 20:30 na Biblioteca do Consello da Cultura Galega.

----- Máis información: http://www.consellodacultura.org